Saltar ao contido principal
Xornal

Unha mostra repasa o tempo de Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela

‘Con Galiza sempre no horizonte’ inaugúrase o martes 9 ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca

Actualizada: 05-10-2018 13:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Producida pola USC e o Ateneo de Santiago en colaboración co Concello compostelán e a Deputación da Coruña, o Colexio de Fonseca albergará do 9 de outubro ao 30 de novembro a mostra ‘Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. Con Galiza sempre no horizonte’. A inauguración terá lugar o martes ás 20.00 horas.

A exposición, e o catálogo que a acompaña, dá conta dos 16 anos –entre 1920 e 1936- que pai e fillo compartiron en Compostela. Quen se achegue ás salas de Fonseca poderá coñecer a obra de Camilo e Isaac máis vinculada á cidade, ademais do percorrido artístico e vital destes dous persoeiros a quen lles tocou vivir unha época histórica convulsa que marcaría toda a súa vida.

Desde a casa da Tumbona das Hortas ata o obradoiro de carretas, a cartelaría cinematográfica, cultural e política obra de Camilo exercería sobre Isaac unha grande influencia non só artística senón tamén ideolóxica, moi vencellada nos comezos á campaña en defensa do Estatuto Galego. Precisamente, a obra artística, industrial e cultural de Isaac Díaz Pardo centra a segunda parte da mostra, enfocada na época en que se viu obrigado a abandonar a súa cidade natal.

O Laboratorio de Formas, a Galería Sargadelos da Rúa Nova e o Instituto Galego de Información son outras iconas compostelás a través das que se constrúe o relato destas figuras senlleiras para a exposición que comisarían Xosé Ramón Fandiño Veiga e Gloria López López.

' Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. Con Galiza sempre no horizonte’ poderá visitarse en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.