Saltar ao contido principal
Xornal

A USC súmase á CodeWeek coa xornada ‘Que pode facer o Código por nós?'

A xornada celebrarase este xoves con acceso libre ata completar o aforo e sen necesidade de inscrición previa

Actualizada: 17-10-2018 10:58
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC (CEDE) organiza este xoves 18 a xornada ‘Que pode facer o Código por nós?’, enmarcada na Codeweek que a Comisión Europea impulsa todos os anos. Como a propia Unión Europea a define, a Codeweek é unha campaña para achegar a programación e o alfabetismo dixital á cidadanía en xeral.

A xornada promovida polo CEDE en Compostela desenvolverase entre as 16.00 e as 18.00 horas na Sala 1 do edificio das Facultades de Ciencias Políticas e de Relacións Laborais. A asistencia é libre ata completar o aforo sen necesidade de inscrición. As persoas que participen recibirán un xustificante do CEDE.

Co acento posto no software libre e o código aberto, o programa da xornada achegará coñecementos básicos sobre o código fonte, conceptos de linguaxes de programación para persoas sen coñecementos previos e reflexionará sobre a importancia da liberdade no software. Intervirá persoal do CEDE e o enxeñeiro informático Rafael Rodríguez Gayoso ex coordinador da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego (CIXUG) e que actualmente preside a asociación MeLISA para a promoción do software libre.