Saltar ao contido principal
Xornal

Un euro para un proxecto en Senegal por cada hora de estudo na USC

Este luns 5 comeza a XVI Olimpíada Solidaria, que durante un mes intercambiará horas de estudo en bibliotecas por euros

Actualizada: 05-11-2018 10:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Dende o luns 5 de novembro ata o 5 de decembro, calquera estudante que se achegue ás bibliotecas da Universidade de Santiago poderá trocar unha hora de estudo por un euro para un proxecto solidario, nesta ocasión en Senegal. A décimo sexta edición da Olimpíada Solidaria de Estudo, creada pola ONGD Coopera, está coordinada na USC polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU).

A mecánica é moi sinxela: en cada sala de estudo habilitarase un terminal informático no que o alumnado ten que introducir a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) á entrada e saída do local. Para que se poida realizar o cómputo deberase acumular un mínimo dunha hora e un máximo de catro, período logo do que deberían volver introducir a tarxeta se queren seguir contabilizando tempo e, por extensión, cartos.

Este ano a USC conta para o proxecto coas zonas de estudo das bibliotecas de Formación do Profesorado e de Veterinaria e na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. En Compostela, a Biblioteca Xeral e a Concepción Arenal, así como a Escola Técnica Superior de Enxeñaría e as facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte), Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química e Xeografía e Historia.

Ampliación da Escola Arco Iris de Senegal
Coas horas de estudo que se reúnan este ano apoiarase a implantación do Ciclo de Primaria na Escola Infantil Arco Iris de Senegal, onde se imparte educación de calidade, clases de inglés e castelán, se programan actividades culturais, se lles realizan controis sanitarios ás nenas e nenos e se complementa a súa nutrición.

Mais as alumnas e alumnos que finalizaron infantil necesitan continuar os seus estudos, para o cal terían que trasladarse a outros colexios da zona con aulas saturadas e moi distantes das súas casas. A ampliación deste centro ha permitirlles ás distintas promocións continuar co novo ciclo oficial de ensino de 6 a 11 anos na que foi ata agora a súa escola, evitando así o risco que implicaría para os menores transitaren eles sos por traxectos perigosos e cruzamentos de estrada.

Para acadar máis información poden dirixirse a Ernesto Gómez, coordinador da Olimpíada na USC no teléfono 881.812.858 ou en sepiu.santiago@usc.es.