Saltar ao contido principal
Xornal

Semana de actividades da rede ReGaLis en Santiago

Actualizada: 02-11-2018 10:21
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Rede Galega de Líquidos Iónicos (ReGaLIs), que engloba 13 grupos de investigación das Universidades e centros de investigación de Galicia, desenvolve toda unha serie de actividades a vindeira semana en Santiago. Estes eventos están organizados polos docentes da USC Josefa Salgado Carballo e Luis Miguel Varela Cabo, actuais responsables de ReGaLIs.

O programa comeza o día 6 no Auditorio AFundación cun dúas mesas redondas sobre o futuro da mobilidade eléctrica partindo do estado actual do sector de baterías e acumulación enerxética. Participará persoal académico de diferentes universidades e centros de investigación europeos, así como de empresas e asociacións do sector. Nos debates analizaranse as tecnoloxías máis avanzadas dispoñibles e a evolución prevista nos próximos anos con vistas á transición á e-mobilidade. Reflexionarase ademais acerca do escenario creado pola recente iniciativa Battery Alliance da UE, que pretende implantar un sector de fabricación de baterías en Europa.

As mesas de debate terán continuidade os días 7 e 8 coa celebración na Facultade de Física da USC da 3ª Escola da rede ReGaLIs, na que se analizará o estado da arte da investigación e aplicación industrial destes materiais. Por outra banda, o día 9 Víctor Gómez González defenderá nese mesmo centro a súa tese de doutoramento na que presentará pioneiros desenvolvementos para a produción futura de baterías de magnesio ou aluminio na era post-litio.

ReGaLIs
ReGaLIs é unha estrutura creada en 2012 e financiada pola Xunta de Galicia que engloba trece grupos de investigación das Universidades e centros científicos de Galicia que desenvolven investigación de vangarda en diferentes aspectos destes disolventes avanzados, fundamentais, entre outras aplicacións, para a produción de baterías de alta potencia e estabilidade. Esta rede é o xermolo dun consorcio internacional de grupos de investigación e empresas que actúan coordinadamente neste ámbito, estando prevista a vindeira semana a constitución da Sociedade Europea de Materia Iónica con ocasión da presenza dos investigadores.

Actualmente, ReGaLIs está formada por 12 grupos do Sistema Universitario Galego (5 da Universidade de Santiago de Compostela, 5 da de Vigo e 2 da Coruña) e un do IIAG do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), sendo varios deles recoñecidos como Grupos de Referencia Competitiva ou de Potencial Crecemento pola Xunta de Galicia.

As liñas de actuación da rede son cinco: deseño e síntese de novos líquidos iónicos; medidas experimentais de propiedades termodinámicas, de transporte e electromagnéticas; teoría e simulación por computadora; aplicacións e transferencia de tecnoloxía, e toxicidade de líquidos iónicos.