Saltar ao contido principal
Xornal

A Estación Científica do Courel reúne este sábado máis de 40 participantes nunha xornada de iniciación á micoloxía

Actualizada: 02-11-2018 11:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Estación Científica do Courel reúne este sábado 3 de novembro a máis de 40 persoas nunha xornada de iniciación á micoloxía, que se desenvolverá, a partir das 10.00 horas, e na que os distintos relatores convidados afondarán, entre outras cuestións, na diferenciación entre cogomelos comestibles e velenosos.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidirá a inauguración desta actividade formativa e de divulgación arredor da micoloxía, no marco dun acto no que tamén intervirán o director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro; a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, e o deputado provincial delegado da área de Participación Cidadá, Pablo Rivera Capón.

 

O programa desta xornada sobre cogomelos comestibles e velenosos, un foro que nesta edición conta con apoio do proxecto europeo Afinet, comezará cun relatorio de achegamento ao mundo da micoloxía a cargo de Juan Luis Fernández Lorenzo, profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra.

 

As principais características que diferencian as especies comestibles das velenosas centrará a intervención do catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro. De seguido, o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, quen tamén é doutor en Veterinaria, pechará o programa matinal cun relatorio sobre especies tóxicas e casos de intoxicación por cogomelos.

 

Xa en quenda de tarde, unha saída ao monte para identificar e recoller cogomelos baixo a guía do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, e na que tamén participarán os demais profesores do curso, servirá de colofón desta xornada de iniciación á micoloxía.