Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor Miguel Zabalza, investido doutor honoris causa pola Pontifícia Universidade Católica do Rio Grande do Sul

Actualizada: 02-11-2018 12:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O catedrático de Didáctica e Organización Escolar Miguel Zabalza Beraza foi investido esta semana doutor honoris causa pola Pontifícia Universidade Católica do Rio Grande do Sul (Brasil). O profesor da USC incorpórase deste xeito a unha galería de honra da que forman parte destacadas personalidades como tres premios Nobel, entre eles Camilo José Cela ou o médico alemán Harald zur Hausen.

A concesión deste grao de honra da universidade brasileira vén recoñecer os traballos e publicacións do docente da USC en cuestións de deseño curricular, diarios de clase, educación infantil e ensino universitario, moitas delas utilizadas como textos básicos na formación de futuros profesionais da pedagoxía e a educación en Brasil. O profesor Zabalza mantén con grupos de investigación da Pontifícia unha intensa colaboración dende hai anos, materializada na dirección de teses de doutoramento de actuais docentes, na docencia en mestría e doutoramento ou na participación como conferenciante.

No acto de investidura, a profesora Maria Inês Côrte Vitória actuou como madriña do profesor Zabalza, “unha das máis recoñecidas autoridades en Educación Superior, tanto en Europa como en América Latina”. Na súa laudatio explicou que o profesor Zabalza fora quen de “revolucionar” o ensino, as prácticas pedagóxicas  e o sentido de  ser docente, “e iso constátase –dixo- na traxectoria “íntegra, coherente e digna dun home que nunca renegou dos seus principios éticos, políticos ou ideolóxicos e que é sempre solidario cos que sofren desigualdades e inxustizas”.

Pola súa banda, Miguel Zabalza, que comezou o seu discurso cunha defensa da profesión -“ formamos profesores, e sen profesores, por exemplo, non habería médicos”, dixo-, afirmou sentirse “ feliz” por este recoñecemento dunha universidade coa que leva colaborado gran parte da súa carreira e que pertence a un país co que comparte a súa maneira de entender a educación.

“Entre moitas outras cousas en Brasil aprendín a experiencia de vivir unha auténtica fe na educación e no seu poder e importancia para propiciar o crecemento persoal, algo que os países europeos, polo menos neste momento, non viven desa maneira intensa”, asegurou. Pero tamén dixo ter aprendido do país americano “o gran valor da compoñente afectiva na interacción entre profesores e estudantes”, o compromiso social dos estudos universitarios, a vinculación da educación coa cultura propia ou o valor da equidade e do empoderamento persoal para resolver non só os propios problemas senón os colectivos.

Dilatada traxectoria docente e investigadora
Doutor en Psicoloxía e Pedagoxía, Miguel Zabalza Beraza foi profesor da Universidade Complutense de Madrid, da UNED, da Universidade de Comillas e, dende 1979, da Universidade de Santiago na que foi decano da Facultade de Ciencias da Educación e dirixiu o Departamento de Didáctica e Organización Escolar e o Instituto de Ciencias da Educación.

Zabalza desenvolveu unha ampla actividade como docente e investigador na área do currículo e desde hai anos está implicado en programas de formación de docentes e asesoramento a centros escolares en procesos de desenvolvemento institucional e mellora da calidade da ensinanza. Ademais, pertence a varios programas europeos centrados na formación de profesores, na transición da escola ao mundo do traballo e no estudo das virtualidades pedagóxicas dos itinerarios culturais europeos. É tamén presidente da Asociación AIDU (Asociación Iberoamericana de Docencia Universitaria).

Investigador principal de 25 proxectos de investigación de ámbito estatal e internacional, é ademais autor (ou coautor) de máis de 100 libros, algúns deles traducidos a varios idiomas. Entre as súas publicacións máis sobranceiras destacan Diseño y desarrollo curricular, Didáctica de la Educación Infantil, Areas, Medios y Evaluación en la Educación Infantil, Los diarios de clase, La formación práctica de los profesores I e II, Educación Especial y Formación de Profesores, La calidad en la Educación Infantil, Los tutores en el practicum, La formación práctica de los profesionales: El prácticum, La enseñanza universitaria: el escenario y sus protagonistas, Las competencias docentes del profesorado universitario.

O outorgamento do grao de honra da Pontifícia Universidade Católica do Rio Grande do Sul (Brasil) súmase ao outorgado en 2012 polo Instituto Multidisciplinario mexicano de Especialización de Oaxaca (IME).


Outras imaxes