Saltar ao contido principal
Xornal

Max Jean Zins afonda no ciclo ‘Unha viaxe por España a través da India’ nas problemáticas semellantes que afectan aos dous países

Xeografía política, colonialismo británico, hinduísmo, independencia e federalismo na India centran os relatorios programados este mes polo profesor ‘ad honorem’ da USC

Actualizada: 05-11-2018 14:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Max Jean Zins, no seu despacho na Facultade de Humanidades

O profesor ad honorem na Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC Max Jean Zins reflexionará no ciclo ‘Unha viaxe por España a través da India’ sobre as múltiples semellanzas advertidas entre estes dous países, ao tempo que tratará outras problemáticas compartidas en ambos territorios nos distintos relatorios programados no marco deste ciclo arredor da India.

 

O experto xeopolítico e director de investigación honorario do Centro Nacional de Investigacións Científicas (CNRS) Max Jean Zins, abrirá este martes 6 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, este programa de relatorios cunha aproximación á actual xeografía política da India.

 

O colonialismo británico, hinduísmo, Mohatma Gandhi e a loita pola independencia, o trauma da separación entre India e Paquistán, ou o federalismo asimétrico que rexe as relacións sociopolíticas entre os diversos territorios e castas que conforman a India, serán outras das cuestión das que tratará Max Jean Zins nestas sesións.

 

As conferencias programadas ao abeiro do ciclo ‘Unha viaxe por España a través da India’, un programa co que Max Jean Zins convida a facer unha reflexión profunda sobre as múltiples ligazóns existentes entre as sociedades orientais e occidentais, ademais de contribuír ao coñecemento destes dous países, terán continuidade ata finais de ano e  desenvolveranse os días 6, 20 e 27 de novembro e 11 de decembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo. A entrada é libre e de balde para todo o público.