Saltar ao contido principal
Xornal

A USC abre á cidadanía as portas da súa Rede de Centros Singulares de Investigación

Será no transcurso da segunda edición das xornadas ‘Ciencia singular’ o vindeiro 10 de novembro

Actualizada: 05-11-2018 12:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Por segundo ano, a xornada de divulgación ‘Ciencia singular’ achegará á cidadanía a posibilidade de coñecer in situ a investigación de excelencia que realizan a Rede de centros singulares de investigación da USC (RCSI-USC). Deste xeito, o vindeiro sábado 10 de novembro, o CiQUS (Química Biolóxica e Materiais Moleculares), CiMUS Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e CiTIUS (Tecnoloxías da Información) abrirán as súas portas a todas as persoas interesadas co obxectivo de reivindicar o papel destes espazos de referencia científica e dar testemuño da calidade dos resultados de investigación da rede así como valor engadido que está a achegar á mellora da calidade da vida da sociedade actual.

A participación nesta xornada é completamente gratuíta previa inscrición a través do formulario web disposto pola organización. Ao longo da segunda edición de ‘Ciencia singular’ as persoas que acudan participarán en distintas actividades como charlas de divulgación, obradoiros científicos ou experimentos infantís, así como encontros con especialistas ou demostracións de tecnoloxías desenvolvidas nos centros.

TIC
No caso do CiTIUS, neste centro o persoal investigador traballa no desenvolvemento de novas tecnoloxías informáticas en áreas como a intelixencia artificial, a supercomputación, a robótica ou a nanosensórica. Todas elas contan con múltiples aplicacións no ámbito da informática, pero tamén en eidos como a industria manufactureira, a seguridade, a sanidade ou o transporte, sempre co obxectivo final de mellorar a calidade de vida.

Química
O compromiso diario do CIQUS en campos como a saúde (química biolóxica e médica)  ou a industria (materiais funcionais ou catálise) permitiu que en só oito anos o centro se consolidara como referente de investigación multidisciplinar na fronteira entre a química, a biomedicina e a ciencia de materiais.

Saúde
Polo que respecta ao CiMUS, nos seus laboratorios abórdase a previsión, comprensión e o tratamento de enfermidades crónica en áreas como o cancro, a endocrinoloxía, o trastorno cardiovascular, a neurociencia, a xenética e xenómica funcional, as terapias experimentais ou a bioestatística. Xunto co Hospital Clínico Universitario de Santiago, o centro está integrado no IDIS, instituto de investigación Sanitaria acreditado polo Ministerio de Sanidade.


Outras imaxes