Saltar ao contido principal
Xornal

A USC, o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o colexio de arquitectos colaboran na elaboración dun modelo de plan de dinamización de áreas de Rexurbe

Actualizada: 05-11-2018 14:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A USC, o Instituto Galego de Vivenda  e Solo (IGVS) e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) colaborarán na elaboración dun modelo de Plan de Dinamización das áreas Rexurbe. Estes plans de dinamización son “un instrumento fundamental para proporcionar un marco técnico e xurídico axeitados que permitirá desenvolver as distintas propostas de actuación estratéxicas no ámbito da rexeneración e rehabilitación urbana”. A definición queda recollida no convenio de colaboración asinado este luns entre o reitor da USC, Antonio López; a conselleira de Medioambiente, Territorio e Vivenda, en calidade de presidenta do IGVS, Ángeles Vázquez Mejuto; e o decano do COAG, Antonio Maroño Cal.

Segundo, o anteproxecto da Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, os Plans de Dinamización son un requisito para o desenvolvemento das Áreas de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe). Estas últimas defínense como “ámbitos coa consideración de conxuntos históricos con declaración de ben de interese cultural (BIC)”.

O obxectivo do acordo é simplificar e axilizar a elaboración dos plans de dinamización unificando a súa redacción e definindo as liñas estratéxicas de actuación a desenvolver nas diferentes áreas. O equipo da USC implicado encargarase de determinar a metodoloxía e contido dunha serie de contidos a incluír nos plans de dinamización, tales como a análise da poboación residente así como das actividades económicas que se desenvolven e das potencialidades que se poidan detectar para xerar novas actividades. Tamén abordará o estudo do comercio de proximidade, déficits e carencias e a proposta de intervención, recollendo as medidas que o programa propón adoptar no social e no económico, ademais da memoria de viabilidade económica coa formulación do programa de investimentos públicos e privados que prevé o plan. O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2019.