Saltar ao contido principal
Xornal

Habelas, hainas, queremos contarchas!

Unha xornada na Facultade de Matemáticas presentarán dun xeito desenfadado e sinxelo para que se empregan e que son as matemáticas

Actualizada: 06-11-2018 10:12
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

‘Habelas, hainas, queremos contarchas!’ é unha xornada de carácter divulgativo sobre investigación en matemáticas destinada fundamentalmente a estudantes de grao e mestrado aos que se presentarán dun xeito desenfadado e sinxelo para que se empregan e que son as matemáticas. Este mércores 7, entre as 16.00 e as 19.00 horas, a xornada desenvolverase en base a charlas breves de 20 minutos impartidas por sete investigadores e investigadoras novas da propia Facultade de Matemáticas.

Trátase dunha iniciativa a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas e do Seminario de Iniciación á investigación do mesmo centro. Entre os seus obxectivos, a xornada busca familiarizar aos participantes no uso do galego para a presentación das investigacións ao público non especialista e noutros idiomas distintos do inglés. Coincidindo coa celebración en novembro do mes da Ciencia en Galego e como sinalan os promotores desta proposta, a intención é normalizar o uso do galego nas matemáticas deixando de lado prexuízos lingüísticos.

As charlas levan suxestivos títulos que buscan animar a asistir, deixando de lado prexuízos sobre a ciencia matemática. Quen se achegue á xornada poderá ter unha visión xeral da teoría dos xogos cooperativos e das súas múltiples aplicacións na vida cotiá (‘A vida é un xogo’); saber se é posible realmente predicir a evolución do amor (ou do odio) nunha relación ou se é posible coñecer de antemán se unha relación está destinada ao fracaso (‘As ecuacións do amor’); coñecer as condicións de habitabilidade que debe reunir un corpo celeste para que nel haxa vida (‘Vida noutros mundos. A Astrobioloxía’); reflexionar sobre onde están presentes os sistemas de ecuacións nas nosas vidas reais (‘Ata o infinito e máis alá!’); saber que a simulación numérica empregando o método de elementos finitos serve para analizar o comportamento da válvula aórtica en certas intervencións, de xeito que poden axudar aos cardiólogos na toma de decisións clínicas (‘ Matemáticas no teu corazón’); a relación entre os buracos e a topoloxía alxébrica (‘Buracos: as matemáticas do vaqueiro’); ou como a estatística axuda a desvelar as novas enganosas, tan de moda ultimamente (‘Pero ti estás seguro diso?’).