Saltar ao contido principal
Xornal

‘Mapatón en Santiago’: Cartografar colectivamente zonas en crisis

A Facultade de Xeografía e Historia, Médicos Sin Fronteras (MSF) e o proxecto Missing Maps organizan este mércores un encontro para mapear colectivamente unha zoa en crise humanitaria

Actualizada: 06-11-2018 14:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Aínda existen zonas do mundo que non aparecen nos mapas, pero hai que chegar a eles para así axudar a quen máis o necesita. Nesta liña, a Facultade de Xeografía e Historia, Médicos Sin Fronteras (MSF), conxuntamente co equipo de Missing Maps, organizan un este mércores 7 mapatón co obxecto de reunir persoas interesadas en colaborar na documentación das poboacións dos países que son máis vulnerables a sufrir crises e posterior elaboración dos mapas de interese para proxectos humanitarios .

A actividade desenvolverase na aula 17 (2ª planta) da Facultade de Xeografía e Historia en dúas quendas -unha de 11 a 14 horas e outra de 17 a 20 horas-. Só se necesita coñecemento básico de ordenadores e internet. Non é necesaria experiencia en creación de mapas nin tampouco é indispensable vir cun ordenador portátil. Ademais, haberá profesorado da Facultade de Xeografía e Historia que de xeito altruísta explicará a ferramenta e resolverá todas as dúbidas.

Grazas á tecnolóxica colaborativa pódese mapear, de forma rápida, segura e sen apenas ningún custo, as zonas xeográficas onde se quere intervir. Así naceu o proxecto Missing Maps, unha iniciativa posta en marcha por Médicos Sen Fronteiras xunto coa Cruz Vermella Británica, a Cruz Vermella Americana e o equipo humanitario de OpenStreetMap. O seu obxectivo é colocar (literalmente) no mapa do mundo as poboacións máis vulnerables para que as organizacións humanitarias melloren os datos de que dispoñen sobre as súas necesidades e poidan dar unha mellor resposta.