Saltar ao contido principal
Xornal

A III Edición de DivulgaTerra pon o foco na relevancia das mulleres investigadoras do Campus Terra da USC

O certame que aspira a promover o uso do galego como lingua de divulgación científica terá lugar o 15, 22 e 29 de novembro, ás 19.00 horas, na Casa do Saber de Lugo

Actualizada: 06-11-2018 14:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Xusto Rodríguez, Montserrat Valcárcel, Pilar García e Tamara González, na presentación de DivulgaTerra

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu este martes a presentación da III edición de DivulgaTerra, o evento que pretende darlle relevancia pública ao traballo dos investigadores e investigadoras do Campus Terra, así como promover o galego como ferramenta para comunicar os resultados dese traballo de investigación, e que este ano aspira a poñer o foco nas mulleres científicas que cada día desenvolven a súa actividade no campus.

 

O evento estrutúrase este ano en tres sesións temáticas (dedicadas ás Ciencias da Saúde; Ciencias e tecnoloxía; así como ás Artes, humanidades, ciencias sociais e xurídicas) nas que ademais de intervencións breves nas que os investigadores darán a coñecer as súas respectivas liñas de traballo, haberá un relatorio amplo protagonizado por unha investigadora relevante do campus que exporá ante un público non especializado a súa actividade investigadora.

 

O xoves 15, na Casa do Saber, a profesora da USC Mecedes Novo falará do seu traballo na loita contra o alzhéimer, o día 22 será a quenda de Rosa Mosquera, quen afondará no vínculo entre innovación, sistemas agroforestais e incendios, mentres que o 29 de novembro, Ana Goy aportará unha visión do Pórtico da Gloria despois da restauración.

 

No acto de presentación tamén estivo presente o responsable de Normalización Lingüística da USC en Lugo, Xusto Rodríguez, quen destacou a importancia de que dende a universidade se creen espazos nos que teña cabida a divulgación científica. Na mesma liña se pronunciaron a deputada provincial Pilar García Porto, quen salientou a actividade que dende a USC se leva a cabo a prol da Cultura e da Educación lucense, así como Tamara González, quen volve participar neste certame, logo de facelo nas dúas edicións anteriores e quen considera que iniciativas coma esta fan sentirse máis seguros aos investigadores e investigadoras máis novos do campus ao permitirlles “empezar na casa”.

 

Programa da sesión inaugural

Ademais de Mercedes Novo, o xoves 15 de novembro, a partir das 19.00 horas, a primeira das sesións desta terceira edición de DivulgaTerra, dedicada ás Ciencias da Saúde, contará coas intervencións de María Permuy Mendaña, quen explicará que é a microtomografía computerizada, Susana Remesar Alonso, quen falará da infección por Rickettsia spp. en carrachas recollidas en Galicia; as parasitacións en gando vacún nas comarcas de Ordes, Arzúa e Terra de Melide será obxecto de análise por parte de David García Dios; mentres que a interacción parasitaria entre o mexillón de río e o salmón será analizada por Pedro A. Castrillo Arias. A sesión culminarase coas intervencións de Emanuel Felipe de Oliveira Filho, quen falará de metais pesados, e Pablo Sánchez Quinteiro, quen afondará na anatomía do sexto sentido.