Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo Ruralia celebra na EPS de Enxeñaría un foro sobre o potencial dos bens comunais a prol do desenvolvemento rural

A sesión, na que intervirán representantes das comunidades de montes de Froxán e Coruxo, desenvolverase este xoves ás 17.00 horas na sala de xuntas do centro lugués

Actualizada: 07-11-2018 10:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Edificio central da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo

O grupo de innovación docente Ruralia, integrado por investigadoras das áreas de Economía Agraria, Historia Contemporánea e Ecoloxía da USC, celebrará este xoves, a partir das 17.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, unha mesa redonda sobre os bens comunais e o seu potencial como recurso multifuncional para o desenvolvemento de áreas rurais.

 

O comuneiro da mancomunidade veciñal de montes en man común de Froxán, no concello coruñés de Lousame Joam Evans Pim e Rubén Blanco, técnico da mancomunidade veciñal de montes en man común de Coruxo (Vigo) intervirán como relatores nesta sesión, que leva por título ‘Os comunais: un recurso multifuncional para o desenvolvemento rural’.

 

Evans e Blanco relatarán as experiencias de dous casos de comunidades de montes que outorgan unha grande relevancia aos usos ambientais. A comunidade de Coruxo é unha comunidade de carácter urbano que desenvolve unha intensa actividade de concienciación ambiental e loita contra especies invasoras.  Doutra banda, a comunidade de Froxán foi incluída no ano 2017 no rexistro ICCA, dependente do Programa da ONU para o Medio Ambiente.

 

Esa listaxe valora aqueles espazos xestionados pola comunidade e da cal o traballo e proceso de toma de decisións contribúen á conservación da natureza. O seu obxectivo é apoiar e lograr o recoñecemento destes sistemas comunais de gobernanza, con particular atención á promoción dos seus valores sociais, ambientais e económicos.

 

Esta nova actividade promovida polo grupo de innovación docente Ruralia encádrase no marco do ciclo ‘O mundo rural galego, a debate’, para cuxa organización conta con financiamento do proxecto ‘ O monte comunal en Galicia desde a Idade Media á  actualidade: de soporte dun vello complexo agrario a recurso medioambiental e patrimonio paisaxístico”, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.