Saltar ao contido principal
Xornal

A USC gaña dous dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Actualizada: 07-11-2018 12:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Foto do equipo gañador do premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada

Un microsensor de temperatura ultrasensible aplicable ao desenvolvemento de novos fármacos e a ecoetiqueta ‘pescaenverde’ son as dúas iniciativas da USC premiadas na cuarta edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia. A resolución do xurado, coñecida hoxe, premia tamén na categoría de pemes a spin-off luguesa Insitu Enxeñería, nacida na Universidade de Vigo.

O certame está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo.

Sensor máis preciso, rápido e eficiente
O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos membros do equipo, recaeu nun proxecto desenvolvido no Departamento de Química Física e no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago.

Liderado polos doutores Francisco Rivadulla e Víctor Leborán, consiste no desenvolvemento dun microsensor de temperatura ultrasensible que optimiza a identificación e caracterización dos intercambios de calor propios dos procesos químicos e biolóxicos. O seu novo sensor, bautizado como ANTS, ten como principais aplicacións o desenvolvemento de novos fármacos e produtos biomédicos, xa que permite obter información moi precisa sobre procesos de interese biolóxico.

As principais vantaxes que o dispositivo premiado presenta son un tempo de resposta menor a un segundo e o seu reducido tamaño (da orde de micras), o que permite realizar múltiples probas de modo simultáneo. Ademais, a adopción da nova tecnoloxía por parte dos usuarios é sinxela. Segundo os investigadores, a extensión desta tecnoloxía ofrecería novas alternativas na caracterización rápida e fiable de moléculas de interese farmacéutico.

O proxecto levouse a cabo co financiamento do programa de proba de concepto do European Research Council (ERC) e deu lugar a unha patente internacional. Os seus promotores buscan agora asinar un contrato de transferencia entre a USC e unha compañía líder neste ámbito.

Pescaenverde, mención especial
O xurado decidiu ademais outorgar unha mención especial na categoría de investigación aplicada ao proxecto de ecoetiqueta ‘pescaenverde’. O equipo formado por Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira, Ina Vázquez e Pedro Villanueva, do Departamento de Enxeñería Química da USC, foi distinguido polo desenvolvemento dunha ecoetiqueta que achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros que adquire teñen sobre o medioambiente.

A marca de garantía ‘pescaenverde’ ten asociado un software que calcula a pegada de carbono de todas as actividades asociadas á captura e transporte do peixe, de maneira que as empresas do sector poden transmitir aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos. Tamén mide a taxa de retorno enerxético, que establece a relación entre a cantidade de enerxía calórica subministrada polo peixe e a requirida para a súa posta en circulación ata a que chega ao consumidor.

A ecoetiqueta, patentada a nivel internacional, foi incorporada por primeira vez o pasado mes de xullo na lonxa de Portonovo, certificando a sustentabilidade dunha partida de pescada. A día de hoxe é a única ecoetiqueta específica dos produtos do mar que cuantifica o impacto no cambio climático.


Outras imaxes


O equipo de investigación creador da ecoetiqueta 'pescaenverde'