Saltar ao contido principal
Xornal

O conselleiro de asuntos culturais e de educación da Embaixada alemá visitou a Facultade de Filoloxía

Actualizada: 08-11-2018 10:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Facultade de Filoloxía recibiu a semana pasada a visita do conselleiro de Asuntos Culturais e de Educación da Embaixada da República Federal de Alemaña, Christoph Dorschfeldt. Asistiron á reunión a decana da Facultade, María José López Couso; a videcana responsable de mobilidade, María José Domínguez Vázquez; o director do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, Antonio Álvarez Rodríguez; o catedrático de Filoloxía Alemá, Victor Millet, e a profesora leitora do Servizo de intercambio alemán (DAAD), Sina Menrad.

Na sesión tratáronse asuntos relativos á situación da lingua alemá na universidade e no ensino secundario en Galicia. O desenvolvemento de diferentes accións conxuntas en prol de facilitar a formación universitaria ao máis alto nivel e a empregabilidade do alumnado egresado dos graos e mestrados nos que se imparten contidos de Filoloxía Alemá foi un punto central da sesión.

As persoas reunidas puxeron o foco tamén nas diferentes medidas de dinamización e información sobre a oferta de bolsas para cursar estudos en Alemaña, na formación do estudantado de Filoloxía Alemá con mestrados específicos que hoxe non existen en España e na investigación competitiva a nivel europeo e a creación de redes de colaboración transnacionais.