Saltar ao contido principal
Xornal

A Universidade de Santiago lembra o profesor Eiras Roel

Actualizada: 08-11-2018 13:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Universidade de Santiago homenaxeou este xoves en Filosofía o que fora catedrático de Historia Moderna na Facultade de Xeografía e Historia, Antonio Eiras Roel, finado en xullo do ano 2016.

No emotivo acto, que presidiu o decano de Xeografía e Historia, Francisco Durán, interviñeron Bernard Vincent co relatorio ‘A Peste Atlántica en Galicia: novas achegas’ e Juan E. Gelabert González con ‘Tres fitos da Pax Hispanica: 1598, 1604, 1609’. A sesión rematou con Francisco Fernández Izquierdo, que fixo unha sentida lembranza de Antonio Eiras, fundador e primeiro presidente da Fundación Española de Historia Moderna (1988-1991).

O profesor Eiras Roel ocupou ao longo de varias décadas a Cátedra de Historia Moderna da USC, dende a que promoveu unha importante renovación metodolóxica da investigación histórica nos ámbitos que foron obxecto dos seus estudos, contribuíu á formación de varias xeracións de historiadores que pasaron polas súas aulas, dirixiu numerosas teses de doutoramento e foi mestre na formación de novos profesores universitarios.

Cronista de Galicia, Eiras Roel foi presidente tamén da Comisión Internacional de Demografía Histórica e correspondente da Real Academia de Historia. No seu haber conta, entre numerosos recoñecementos, co premio López Ferreiro de Investigación e a Medalla Castelao.

O valor da obra do profesor Eiras Roel, considerado como unha autoridade entre os investigadores europeos dedicados ao estudio do Antigo Réxime, radica no seu carácter analítico, orixinal e de innovación metodolóxica con resultados novidosos para o coñecemento de aspectos fundamentais da Historia Moderna, e en particular da Historia Moderna de Galicia á que, desde unha perspectiva comparatista, consagrou os principais esforzos, desenvolvendo diversas liñas de investigación como a teoría e metodoloxía da Historia, a Historia social, a Historia rural, a Historia económica, a Demografía histórica e a Historia institucional.

Cando se xubilou, a comezos da pasada década, compañeiros seus da Facultade compostelá editaron o libro Universitas. Homenaje a Antonio Eiras Roel, que coordinaron os profesores de Historia Moderna Camilo Fernández Cortizo, Domingo L. González Lopo e Enrique Martínez Rodríguez.


Outras imaxes