Saltar ao contido principal
Xornal

A profesora María Teresa Barral Silva, nova académica correspondente da Academia de Farmacia de Galicia

Actualizada: 08-11-2018 13:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A profesora da Facultade de Farmacia María Teresa Barral Silva acaba de ingresar como académica correspondente da Academia de Farmacia de Galicia coa lección ‘Xestión de residuos e saúde ambiental. Unha perspectiva histórica’.

Presentada polo académico Francisco Díaz-Fierros Viqueira, o discurso de ingreso da doutora Barral Silva abordou os antecendentes históricos e o estado actual da xestión de residuos e o seu impacto sobre a saúde ambiental, ademais dos desafíos e oportunidades aos que a sociedade actual se enfronta neste eido. Como explicou a docente da Facultade de Farmacia, a preservación da saúde humana é historicamente unha das razóns principais para que a sociedade teña acometido a xestión eficaz dos refugallos. Logo dos primeiros labores institucionais de saneamento entre os séculos XVIII e XIX, na segunda metade do século XX os sistemas avanzan no seu desenvolvemento, “sendo a base dos tratamentos actuais”.

Como explicou a académica, “no século XXI xurde unha nova e crecente preocupación sobre os problemas ambientais ocasionados polo incremento na produción de residuos e os seus efectos contaminantes”. Neste senso, nos últimos 30 anos abordouse “un novo enfoque da xestión de residuos: a economía circular, que busca pechar os ciclos materiais e enerxéticos a imitación da natureza, promovendo a redución dos refugallos e a optimización da súa reutilización e reciclaxe”, explicou Teresa Barral.

Teresa Barral
María Teresa Barral é licenciada en Bioloxía con premio extraordinario e en Farmacia, ademais de doutora en Bioloxía. Ampliou estudos no Institut Nationale de la Recheche (INRA) en Avignon (Francia). Foi a primeira presidenta da delegación en Galicia da Sociedade Española da Ciencia do Solo e coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC. Na actualidade é directora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC.

A súa investigación tense centrado no estudo das propiedades e a calidade dos solos, a contaminación e ecotoxicoloxía de ambientes superficiais e a reutilización de residuos orgánicos e industriais. Esta investigación enmárcase en 23 proxectos de investigación e 13 actividades de transferencia, en grande medida como principal responsable. É co autora de 140 traballos en revistas, a maioría internacionais, e de preto de 50 libros ou capítulos de libro, ademais de ter presentado máis de cen achegas en congresos internacionais e de 70 en congresos nacionais. Ata agora ten dirixido sete teses de doutoramento, unha delas merecedora do Premio Nacional Juan de Artieda á mellor tese en ambiente.