Saltar ao contido principal
Xornal

O Simposio do ILG 2018 analizará a partir do luns 12 as variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica

Actualizada: 09-11-2018 11:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do encontro

As variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica son o eixo ao redor do que se centrarán os relatorios do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) 2018. A cita estenderase entre o próximo luns 12 e o mércores 14 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. O debate que xurda pretende profundar nas posibles análises lingüísticas de situacións de contacto en comunidades que son próximas cultural e xeograficamente no ámbito peninsular. Os relatorios propostos mostrarán de que xeito se pode abordar a descrición e análise desta constante na historia lingüística da humanidade.

O encontro, que nesta ocasión coordinan Francisco Dubert García, Xulio Sousa e Vítor Míguez, parte da idea de que a situación de linguas en contacto é inevitable e unha constante na historia e evolución das variedades lingüísticas. Neste senso, lembran como na actualidade existen ao redor de 6000 linguas faladas en 194 países. Consideran que a situación do galego, e a doutras linguas peninsulares, “non é nin singular nin extraordinaria”. Lembran a modo de exemplo como na  Península Ibérica dáse contacto entre o asturiano e o castelán, entre o castelán e o portugués, entre o mirandés e o portugués, entre o vasco e o español, e tamén, amais doutros moitos casos, entre estas linguas e os distintos idiomas de inmigración.

Igualmente, os especialistas destacan que o contacto tamén é posible no interior das linguas, “dado que os idiomas vivos son un conxunto de variedades sociais, xeográficas,... en convivencia e intercambio continuo”. As situacións de contacto, as súas causas e consecuencias, poden ser analizadas dende moitas perspectivas (social, lingüística, etnográfica, histórica, psicolingüística etc.).

Programa
No programa previsto abordaranse estas reflexións da man dun cadro de relatorios nos que se traerá a debate cuestións relativas aos patróns de converxencia en linguas tipoloxicamente non relacionadas, a mudanza lingüística nun contexto de mestura, o contacto entre o castelán e o catalán ou entre o mirandés e o portugués ou, entre outros, o contacto de linguas e variedades na emerxencia de novos modelos de vocalismo en galego.

A inauguración oficial está prevista para as 16.30 horas e dará paso ás dúas primeiras conferencias previstas: a de Alberto Gómez Bautista (Instituto Politécnico de Lisboa-ISCAL / Centro de Línguas, Literatura e Culturas da Universidade de Aveiro), co relatorio ‘Mirandés e portugués: linguas en contacto’ e, xa a partir das 18.00 horas, a de Ana R. Luís (da Facultade de Letras da Universidade de Coimbra), co tema ‘A mudança linguística no contexto da crioulização: uma tipologia para o desenvolvimento morfológico’.