Saltar ao contido principal
Xornal

O descubrimento da primeira pastora galega estudada en España centra este sábado un foro na Estación Científica do Courel

Jesús Varela Zapata abrirá ás 10.30 horas unha sesión na que intervirán como relatores os integrantes do equipo de investigación que estudou os restos humanos fosilizados

Actualizada: 09-11-2018 12:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Aproximación facial de 'Elba' e restos do seu cráneo. Fonte: Marga Sanín e Fernando Serrulla

A Estación Científica do Courel acollerá este sábado un foro sobre o descubrimento a primeira pastora mesolítica estudada en España, un achado realizado de xeito casual nas montañas de Ancares Courel a finais do pasado século XX e cuxos restos foron obxecto de estudo por parte dun equipo de investigadores do Instituto Universitario de Xeoloxía.

 

O adxunto da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Cultura, Internacionalización, Estudantes e Servizos, Jesús Varela Zapata, abrirá esta sesión de debate, a partir das 10.30 horas, nas instalacións de que dispón a Estación Científica do Courel na localidade de Seoane do Courel, no marco do un acto aberto ao público no que tamén participará o director deste centro singular da USC, o catedrático do Departamento de Produción Vexetal na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, Antonio Rigueiro, ademais da alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro.

 

A xornada divulgativa, organizada pola USC, Imelga, Real Academia Galega de Ciencias, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel, contará como relatores cos integrantes do equipo de investigación multidisciplinar que estudou os restos humanos fosilizados atopados neste enclave courelá en 1997.

 

Daquela, o forense Fernando Serrulla Rech, a artista forense Margarita Santín, o espeleólogo Marcos Vaqueiro Rodríguez, a especialista en ADN e Bioloxía Molecular Gloria González Fortes, a paleontóloga Aurora Grandal d’Anglade e o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, presentarán aos concidadáns de ‘Elba’, o alcume que se deu aos restos fósiles humanos atopados e que significa “a que vén da alta montaña”, 9.300 anos despois da súa desaparición, a reconstrución do último día de vida desta habitante do enclave Courel-Ancares.

 

O Instituto Universitario de Xeoloxía leva máis de 30 anos estudando o rexistro fósil do final do Cuaternario en Galicia, aínda que esta investigación é máis recente e, de feito, rematou en 2016 logo dun proceso longo no tempo e custoso, no que tiveron implicación varias institucións galegas e no que participaron especialistas de diversos ámbitos científicos.

 

O resultado do traballo desenvolvido por este equipo multidisciplinar merece todos os eloxios, xa que ofrece a mellor e máis completa reconstrución paleoambiental con restos humanos feita en Galicia ata a data e baseada en datos reais.