Saltar ao contido principal
Xornal

Eva Fernández Trío ofrece este luns un concerto na Casa do Saber no marco do XXVI Festival de Jazz Lugo 2018

A actuación comeza ás 20.00 horas e a entrada é libre e de balde ata completar aforo

Actualizada: 09-11-2018 14:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Eva Fernández, co saxofón

A formación Eva Fernández Trío ofrecerá este luns 12 de novembro, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto no marco do XXVI Festival de Jazz Lugo 2018. A presencia deste grupo de jazz no festival lugués é froito da colaboración que mantén a USC coa Asociación de Intérpretes e Executantes, a través neste caso do programa AIEenRutaJAZZ, e coa Asociación EscobiJAZZ de Lugo.

 

Eva Fernández Trío é o resultado da busca de equilibrio que implica a música —melodía, harmonía, ritmo— ao concede-la mesma importancia a cada elemento. No concertó programado en Lugo, acompañarán a Eva Fernández os músicos Josep Munar e Enric Fuster. Xuntos procuran un son orgánico capaz de dar protagonismo á canción sen deixa-la improvisación que senten como fogar.

 

A promesa moza do jazz catalán Eva Fernández destaca como saxofonista e cantante. Pese á súa xuventude, esta artista moza atesoura unha longa experiencia e forma parte da nova lista de destacadas voces femininas. Xa actuou con grandes figuras como Perico Sambeat, Dick Oatts, Ken Peplowski, Ignasi Terraza, Bobby Gordon, Jesse Davis, Terell Stafford, Wycliffe Gordon, Josep M. Farràs, Scott Robinson, Josep Traver, Matthew Simon, Llibert Fortuny, Carles Benavent e Jordi Bonell e colaborou con Andrea Motis & Joan Chamorro Group e a Sant Andreu Jazz Band.

 

Desde hai uns meses e en unión co guitarrista Josep Munar, Eva Fernández está a traballar en composicións orixinais a partir da poesía de Alfonsina Storni, Alejandra Pizarnik e Julio Cortázar entre outros. Esta é a idea do seu vindeiro disco, obra un trío no que ela canta e toca o saxo soprano acompañada de guitarra eléctrica e batería.