Saltar ao contido principal
Xornal

Premian a excelencia do alumnado da USC en destinos internacionais

Na cerimonia recoñeceuse tamén o esforzo de estudantes na promoción da USC nesas universidades

Actualizada: 12-11-2018 13:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os premiados posan coas autoridades académicas e familiares. Foto: Servimav-USC

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, presidiu este luns en San Xerome o acto de entrega de diplomas da segunda edición dos premios á excelencia do alumnado da USC en destinos internacionais e de promoción da USC nesas universidades.

Os de excelencia, un para cada área de coñecemento, recaeron en Irene Gómez Ces, estudante de Historia da Arte que fixo a súa estadía en Florencia (Italia); Tomás Otero Casal, de Matemáticas, cunha mobilidade en Southampton (Inglaterra); a estudante de Medicina Estrela Caamaño Alonso, que estudou en París (Francia); Sonia Tarrío Frecha, do grao en Pedagoxía, cunha estadía en Bolonia; e o alumno do Mestrado en Enxeñaría Química e Bioprocesos Ángel Estévez Alonso, que estudou en Amsterdam (Holanda). Todos e todas son os que obtiveron a nota media máis alta dos créditos recollidos no  certificado de notas que figuren no seu expediente.

Na cerimonia, na que tamén participou o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce, entregáronse tamén os recoñecementos á promoción da USC en destinos internacionais. Nesta ocasión foron para Laura Balboa Mejuto e Marcos Mario Miguens Martínez, con estadías en Bolonia e Porto, respectivamente.

Os sete coincidiron en resaltar a experiencia vital que supón estudar nun país estranxeiro, con idioma e cultura diferentes pero tamén con similitudes en moitos aspectos. O reitor, que á vista dos resultados académicos dos premiados incidiu na desmitificación da idea de que unha estadía de mobilidade é algo “lúdico”, aplaudiu que todos eles valorasen moi positivamente a organización académica da USC, a pesares de que en xeral non tiñan queixas das súas estadías. Moi ao contrario, mostrábanse moi satisfeitos de ter marchado fóra a estudar.


Outras imaxes


O acto desenvolveuse no Salón de Graos de San Xerome. Foto: Servimav-USC