Saltar ao contido principal
Xornal

Irish Distillers supervisa en Lugo masas de carballos aptos para a fabricación de toneis e avalía o uso do castiñeiro para barricas

O grupo BioModem da EPS de Enxeñaría e a firma irlandesa estudarán as aptitudes enolóxicas da madeira de castiñeiro a través da análise dos seus compoñentes volátiles

Actualizada: 12-11-2018 13:22 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Pablo Vila, no centro da imaxe, con representantes irlandeses de Irish Distillers

Unha delegación da destilería irlandesa Irish Distillers, unha empresa pertencente á multinacional francesa Pernod Ricard que colabora desde hai anos co grupo GI-1720 BioModem (Modelización, Energía e Mecanización en Biosistemas) da USC, con sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, nunha liña de investigación orientada á posta en valor dos recursos forestais de Galicia e ao seu potencial aproveitamento en tonelería, vén de completar unha estadía en Lugo para supervisar o estado de diversas carballeiras da provincia previamente seleccionadas polas aptitudes da súa madeira para a elaboración de toneis.

 

Acompañados do profesor da EPS de Enxeñaría Pablo Vila Lameiro, así como doutros investigadores do grupo BioModem como Adriana Conde Fernández, os irlandeses Kevin O'Gorman, Paddy Purser e Curran Finnbarr, analizaron o estado e a evolución dos traballos que está a desenvolver a USC en colaboración coa súa empresa, ao tempo que planificaron os pasos a dar nos vindeiros meses, proxectos entre os que cómpre salientar a investigación do uso da madeira de castiñeiro en tonelería.  

 

A xa dilatada colaboración que mantén a compañía Irish Distillers coa EPS de Enxeñaría da USC tense traducido ata o momento no establecemento de contactos con propietarios de carballeiras con superficie e dimensións que resultan interesantes para o seu uso e  explotación en tonelería.

 

Trátase de masas con pés de carballo libres de pólas ata alomenos seis ou sete metros de altura, destacada rectitude do fuste e dimensións mínimas diametrais por enriba dos 35 centímetros. Aínda que este tipo de pés non son os máis abondosos, segundo precisa Vila Lameiro, a boa calidade das masas galegas de carballos asegura abastecemento de materia prima. O aproveitamento destas masas vai sempre acompañado tanto do seu selo de Certificación Forestal FSC como dun Plan de Corta que asegura a persistencia de masa de carballo onde estes pés foron extraídos.

 

Outro dos cometidos da presenza desta comitiva irlandesa no campus de Lugo é o de avanzar no potencial uso da madeira de castiñeira en tonelería. De feito, ben é sabido que a madeira de castiñeira empregouse para a fabricación de grandes barricas dende a época dos romanos ata o século pasado. Sabedores desta tradición, as novas liñas de investigación están van encamiñadas cara a valorar con precisión a aptitude física, mecánica e tecnolóxica para tal uso, unhas prestacións que xa quedaron contrastadas logo dos traballos realizados no último ano.

 

Ante o éxito das pescudas xa realizadas, o grupo BioModem da USC e Irish Distillers acordaron continuar a traballar nos próximos meses na posta en valor das masas de carballo válidas para tonelería mediante unha xestión sostible que asegure a súa renovación, á vez que garante o abastecemento da industria de toneis. Outro dos compromisos adquiridos entre este grupo de investigación da EPS de Enxeñaría de Lugo e a destilería irlandesa é o de dar continuidade aos traballos con castiñeiro, a fin de analizar a aptitude enolóxica da súa madeira a través da análise de compoñentes volátiles que esta madeira pode transmitir aos licores durante o seu proceso de maduración.

 

A colaboración internacional que manteñen neste eido a USC e Irish Distillers constitúe xa unha iniciativa con ramificacións en empresas da provincia de Lugo e de fóra de Galicia e España. Esta actuación conta asemade co apoio da Deputación Provincial de Lugo, que ve nesta liña de traballo unha oportunidade para dar un maior pulo á xestión sustentable do monte galego, tal e como o subliñou o vicepresidente institución provincial e deputado delegado da área de Medio Ambiente, Argelio Fernández, durante a recepción ofrecida á comitiva irlandesa, un acto no que o responsable político lugués salientou os esforzos que está a realizar o goberno provincial a prol do asociacionismo e da unificación de grupos de propietarios forestais baixo unha mesma figura fiscal e física, unha ferramenta acaída para facilitar a xestión e posta en valor do monte, ademais de para mellorar as condicións de vida en áreas rurais.