Saltar ao contido principal
Xornal

Filosofía súmase á conmemoración do Día Mundial desta disciplina cun amplo programa de actividades

Entre esta semana e a próxima, inclúe unha actuación musical e a presentación dun libro ademais de charlas sobre educación feminista, ética animal actual e éticas ambientais ou sobre disciplina e autoridade na educación

Actualizada: 12-11-2018 14:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Con motivo da celebración o vindeiro xoves 15 do Día Mundial da Filosofía, a Facultade de Filosofía da USC organiza por cuarto ano consecutivo unha serie de iniciativas co lema ‘Filosofía na rúa’ organizadas por estudantado e profesorado do centro. O propósito deste evento é difundir a importancia da reflexión sobre os problemas actuais e as cuestións máis fundamentais, en definitivo a relevancia da Filosofía.

Con todas as actividades previstas para as 20.00 horas no Salón de Actos da Facultade e abertas á comunidade universitaria e a todo o público interesado, o programa comezará este martes 13 coa charla de Daniel Rosende, profesor de Filosofía de ensino medio e autor da canle de YouTube Unboxing Philosophy, titulada ‘A necesidade de popularizar a filosofía: estratexias e desafíos’. O mércores 14 presentarase o libro Teoria da imagem de Manuel Cebral, profesor de Filosofía de ensino medio, nun acto no que se desenvolverá unha conversa co autor e no que tamén intervirán Carlos Areán, profesor de Filosofía de ensino medio (IES Losada Diéguez) e Roberto Abuín, filósofo. Ese mesmo día, a partir das 13.35 horas na entreda da Facultade compostelán, está prevista a actuación do grupo musical interxeracional Deteriorados.

O xoves 15, no Café Airas Nunes (rúa do Vilar 17) a mesa redonda ‘A filosofía como ferramenta para unha educación feminista’ reunirá a Zeltia Laya, profesora de filosofía do Colexio Fingoi Lugo; María Xosé Agra, profesora de Filosofía da USC; e a Nieves Herrero, profesora de Antropoloxía da USC.

A programación continuará á semana seguinte coa celebración o martes 20 dunha charla sobre ‘A ética animal actual e o conflito coas éticas ambientais’ impartida por Lucía Cebreiro, estudante de Filosofía da USC; a quen seguirá Xavier de Donato, profesor do mesmo centro compostelá co tema ‘ Zombis filosóficos’. O ciclo de actividades concluirá o xoves 22 coa pedagoga María Benito Sicilia e a estudante de Filosofía da USC Paula Castrillón Dorna, falando sobre ‘Disciplina e autoridade na educación: situación actual e perspectivas pedagóxicas’.