Saltar ao contido principal
Xornal

O Servizo de Publicacións da USC ascende nos últimos anos 144 postos no ránking das editoriais académicas españolas máis prestixiosas

Pasou da posición 195 en 2012 á 51 en 2018

Actualizada: 13-11-2018 11:28
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

SPI (Scholarly Publishers Indicators in Humanities and Social Sciences) elabórao e execútaa o grupo de ILIA de investigación bibliométrica do CSIC

O Servizo de Publicacións da USC ascendeu este ano ata a posición 51 do ránking Scholarly Publishers Indicators de editoriais españolas máis prestixiosas no eido das Ciencias Sociais e Humanidades, tanto públicas como privadas. A editorial universitaria compostelá ten experimentado unha importante evolución nesta listaxe xa que en seis anos ascendeu 144 postos.

Por especialidades, o Servizo de Publicacións ocupa o posto 5º en Belas Artes, 20º en Lingüística, Literatura e Filoloxía e o 36º en Historia. Contando só as editoriais universitarias, a de Santiago sitúase no grupo das dez máis prestixiosas, xunto ás de Valencia, Salamanca, Granada, Sevilla, Zaragoza, Barcelona, Complutense, UNED e País Vasco.

SPI (Scholarly Publishers Indicators in Humanities and Social Sciences) elabórao e execútaa o grupo de ILIA de investigación bibliométrica do CSIC, especializado na edición e libro académico. Este é un sistema de información que, a partir de enquisas directas ao profesorado e persoal investigador de todo o Estado, ofrece indicadores e ferramentas relacionados coas editoriais científicas ou de interese para a investigación no ámbito das Humanidades e as Ciencias Sociais. Os indicadores que se inclúen pretenden servir como referencia (non como valor definitivo dunha editorial) nos procesos de avaliación e permitir a obxectivación dalgúns conceptos como o do “prestixio da editorial”, ata o punto de que o índice se incorporou xa como elemento de valoración nalgunhas áreas das Ciencias Sociais e Humanidades nos criterios específicos aprobados en novembro de 2017 pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora.

En canto a Ciencia, Tecnoloxía e Medicina, o Servizo compostelán sitúase entre as cen editoriais máis prestixiosas, ocupando o posto 60º, o décimo no contexto das editoriais universitarias. Estes datos aparecen no amplo informe Estudio cualitivativo de las editoriales académicas. La percepción de la comunidad científica española , presentado o pasado mes de outubro na feira do libro LIBER 2018 en Barcelona, polo grupo ILIA, amplo informe que contén todos os detalles e metodoloxías do proxecto.