Saltar ao contido principal
Xornal

A música instrumental e vocal do século XVII, nun novo ciclo de seis concertos no Paraninfo

O primeiro será o luns 19 a cargo do Ensemble Allettamento

Actualizada: 15-11-2018 08:55
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O próximo luns 19 terá lugar o primeiro concerto do ciclo ‘ Le nuove musiche. Música instrumental e vocal do século XVII’, que engloba un total de seis recitais a celebrar ata maio do vindeiro ano. Todos eles serán ás 20:30 no Paraninfo da USC excepto o último, que se desenvolverá na Igrexa Conventual de Santa Clara ás 20.00 horas.

O recital do luns, que leva por título ‘O violín e o violonchelo no século XVII’, correrá da man do Ensemble Allettamento , un proxecto do violinista Mario Braña e a violonchelista Elsa Pidre que nace como resultado da unión dunha dilatada traxectoria musical conxunta e do interese de ambos os dous pola música antiga. Interpretarán un programa con obras de Nicola Matteis, Domenico Gabrielli, Giovani Maria Bononcini, Pandolfi Mealli, Johann Jakob Walther, Tomaso Pegolotti e Arcangello Corelli.

O ciclo
O ciclo está centrado no seicento, “a época musical de occidente na que se sucederon os maiores e máis transcendentes cambios de todo o seu devir”, tal e como manifesta o profesor de Historia da Música da USC, Javier Garbayo. É o período no que nace o Barroco, no que a música instrumental adquire maiores dimensións grazas aos importantes avances técnicos e construtivos dos instrumentos, á aparición de executantes cada vez máis especializados e á incorporación e experimentación de novas formas e códigos de composición.

Ao longo dos seis concertos iranse desvelando diferentes faces deste período que, segundo Garbayo, recolle “todo un mundo de experimentación sonora e de fantasía que se abriu coa nova música barroco, cuxo éxito non sería posible sen a complicidade do público. O Barroco é, ante todo, unha arte creada para sorprender ao espectador, traspasándose en moitas ocasións os límites do propio son. E como público que somos, a música creada nese momento segue hoxe excitando o noso espírito, con propostas sorprendentes pola súa modernidade e ousadía, a pesar de ter xa, nalgúns casos, 400 anos de vida ás súas costas”.

O segundo recital do ciclo, titulado ‘A música na Italia do século XVII’ será o 10 de decembro a cargo da soprano Ana Vieira Leite, a frauta Pedro Sousa Silva, o violone Fernando Santiago García e a tiroba Hugo Sanches. Seguiralle outro en xaneiro con madrigais, en marzo un titulado ‘Lagrime mie, a che vi trattenete?’ e o último do 30 de maio con música e poesía para Santa Clara.