Saltar ao contido principal
Xornal

A EPS de Enxeñaría da USC impulsa a recuperación da variedade de uva Tinta Catañal cun proxecto para frear os efectos do oídio

A EPS de Enxeñaría da USC impulsa a recuperación da variedade de uva Tinta Catañal cun proxecto para frear os efectos do oídio

Actualizada: 13-11-2018 14:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cepa da variedade de uva Tinta Castañal

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da UC colabora coas adegas Señorío de Rubiós e Viñas de Terras do Pazo, así como coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, integrada na Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), nun proxecto de innovación orientado a mitigar ou, cando menos, reducir a incidencia da enfermidade de oídio na variedade de uva Tinta Castañal, a fin de favorecer así a recuperación dos viñedos desta variedade.

 

O proxecto de innovación ‘Manexo sostible da variedade Tinta Castañal: Estratexias de manexo fronte ai oídio’, que conta cun orzamento de máis de 99.000 euros, e está financiado nun 75% con fondos Feader, busca resolver a actual problemática que depara a incidencia do oídio na variedade de uva Tinta Castañal. Os danos provocados pola enfermidade provocada por un fungo homónimo, tradúcense en serias perdas produtivas e cualitativas, o que limita o potencial enolóxico desta variedade de uva, ao tempo que tamén afecta a estabilidade da súa explotación a medio e longo prazo.

 

As medidas novas ou innovadoras que, entre outros, pretenden desenvolver no marco deste proxecto os investigadores da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo Javier J. Cancela e Xesús Pablo González, dos grupos de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) e Algoritmos e modulacións xeoespaciais (Aemegeo), apuntan cara a implantación dun manexo sustentable en produción orgánica, fronte ás prácticas da xestión convencional deste tipo de viñedos. Con este cambio, os investigadores buscan a mellor estratexia de produción cara o futuro, tendo en conta o aumento de valor engadido da produción en orgánico e en ecolóxico.

 

O prazo de desenvolvemento do proxecto ‘Manexo sostible da variedade Tinta Castañal: Estratexias de manexo fronte ai oídio’ remata en outubro de 2020. Esta actuación, liderada pola adega Señorío de Rubiós, e que tamén conta co apoio e con financiamento da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama), constitúe unha das primeiras actuacións promovidas polo grupo operativo creado de xeito específico para defender a pervivencia da uva Tinta Castañal en Galicia, unha variedade minoritaria da comarca do Baixo Miño en perigo de desaparición.

 

A uva Tinta Castañal é unha variedade tradicional da comarca do Baixo Miño. Trátase dunha variedade minoritaria (existen poucas cepas plantadas) que sofre o perigo de chegar á extinción.  Esta variedade non aparece na lista de variedades comerciais e portainxertos de vide. Daquela, tampouco está amparada dentro de ningunha das D.O. galegas, dado que para que poida recollerse dentro dunha denominación de orixe é necesario que apareza inscrita como definitiva, na lista antes mencionada.

 

O proxecto de innovación que vén de poñerse en marcha hai uns meses a prol da recuperación desta variedade de uva ofrece a posibilidade de realizar a caracterización e analizar o rendemento agronómico e o comportamento en condicións de campo desta variedade minoritaria. De feito, o principal cometido dos investigadores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC no campus de Lugo implicados nesta liña de actuación pasa por analizar o rendemento e a calidade de Vitis Vinifera cv Castañal baixo un sistema de produción sustentable.

 

Proceder á caracterización cualitativa dos compostos e aromáticos en condicións de campo, e a preparación de viño monovarietal para a súa venda como produto singular de alto valor engadido, derivado das particularidades/escaseza/potencial da variedade, constitúen futuros retos dos promotores e autores desta liña de investigación orientada á recuperación e posta en valor da variedade de uva Tinta Castañal.