Saltar ao contido principal
Xornal

Abertas as inscricións na I Feira de Innovación USC-ABANCA

Os días 27 e 28 de novembro na Cidade da Cultura, a USC mostrará a súa oferta formativa e as actividades de investigación e valorización

Actualizada: 13-11-2018 14:38
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Universidade de Santiago de Compostela achegará os días 27 e 28 de novembro a toda a cidadanía a súa oferta formativa, investigadora e de transferencia de coñecemento na primeira edición dunha feira na que ademais dará conta da súa aposta decidida por difundir a cultura emprendedora entre o estudantado universitario. A asistencia á I Feira de Innovación USC-ABANCA é gratuíta ata completar aforo, previa inscrición a través da páxina web.

Nas dúas xornadas do evento, ao que xa están confirmados máis de 1.000 estudantes de bacharelato de toda Galicia, as persoas asistentes poderán asistir a exhibicións das máis innovadoras tecnoloxías (impresión 3D, drons, robots, lentes 3D...), presentación de spin-offs e patentes xurdidas na Universidade compostelá, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias divulgativas, entre outras moitas actividades.

A Feira inclúe ademais a III edición do Campus ABANCA, un concurso dirixido a estudantes universitarios e de bacharelato cunha idea de negocio ou proxecto e desexen mellorar as súas habilidades e competencias para emprender nas consideradas profesións do futuro. A inscrición a este concurso está aberta ata o 21 de novembro .

Conferencias divulgativas
Ao longo da Feira desenvolverase o ciclo de conferencias divulgativas ‘Amosar e transferir o coñecemento’, no que participarán os docentes e investigadores da USC Ángel Carracedo, Jorge Mira, María Cadaval, Francisco Dubert, Paz García, Sebastián Villasante, José Alonso, Marilar Aleixandre, Santiago Galdo e Ramón Díaz.

As temáticas a tratar nestes relatorios van dende a xenética ou os fusos horarios aos fármacos e drons, pasando polos océanos, a investigación xurídica ou as linguas en contacto.