Saltar ao contido principal
Xornal

Mercedes Novo achégase ás orixes do alzhéimer na casa do Saber na apertura do evento de divulgación científica DivulgaTerra

A terceira edición do certame que bota a andar este xoves, busca difundir o traballo das persoas que fan investigación no Campus Terra da USC e promover o uso do galego

Actualizada: 14-11-2018 12:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do envento científico DivulgaTerra da USC

A Casa do Saber acolle este xoves 15 de novembro, a partir das 19.00 horas, a primeira das sesións de DivulgaTerra, o evento que quere difundir o traballo dos investigadores/as do Campus Terra da USC, así como promover o uso do galego como idioma de divulgación, e que chega á súa terceira edición.

 

O evento estrutúrase este ano en tres sesións temáticas (dedicadas ás Ciencias da Saúde; Ciencias e Tecnoloxía; así como ás Artes, Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas) nas que ademais de intervencións breves nas que os investigadores darán a coñecer as súas respectivas liñas de traballo, haberá un relatorio amplo protagonizado por unha investigadora relevante do campus que exporá ante un público non especializado a súa actividade.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a deputada provincial delegada da área de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, inaugurarán este xoves a partir das 19.00 horas, a primeira sesión deste evento, no marco do que a profesora da USC Mercedes Novo falará do seu traballo de investigación arredor das causas do alzhéimer nunha sesión dedicada ás Ciencias da Saúde.

 

Ademais da exposición de Novo, a primeira entrega do DivulgaTerra contará coas intervencións de María Permuy Mendaña, quen explicará que é a microtomografía computerizada; Susana Remesar Alonso, quen falará da infección por Rickettsia spp. en carrachas recollidas en Galicia; as parasitacións en gando vacún nas comarcas de Ordes, Arzúa e Terra de Melide será obxecto de análise por parte de David García Dios; mentres que a interacción parasitaria entre o mexillón de río e o salmón será analizada por Pedro A. Castrillo Arias. A sesión tamén contará coas intervencións de Emanuel Felipe de Oliveira Filho, quen falará de metais pesados; e Pablo Sánchez Quinteiro quen afondará na anatomía do sexto sentido.

 

As mulleres científicas

Poñer o foco na relevancia das mulleres científicas do campus é outra das finalidades desta edición de DivulgaTerra xa que o xoves 22 de novembro, tamén a partir das 19.00 horas, Rosa Mosquera afondará no vínculo entre innovación, sistemas agroforestais e incendios, mentres que o 29 de novembro, Ana Goy aportará unha visión do Pórtico da Gloria despois da restauración. Xunto a elas, en quendas de 10 minutos, os e as investigadoras do campus presentarán as súas respectivas liñas de investigación ante un público non especializado.