Saltar ao contido principal
Xornal

A USC forma o seu persoal investigador na elaboración e seguimentos de proxectos de convocatorias competitivas

Actualizada: 14-11-2018 12:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Persoal investigador da USC asiste esta tempada en Santiago a diversos obradoiros sobre elaboración e seguimento de proxectos de investigación de convocatorias competitivas nacionais e internacionais encamiñados a formar investigadores post-doc e profesorado novo.

Os obradoiros, que comezaron en outubro e continúan este mes, organizáronse en pequenos grupos por grandes áreas para procurar unha maior especificidade, de xeito que se abrangueron todas as disciplinas. Do cento de persoas que demandaron esta formación, un 65,6% foron mulleres. Por áreas, o 50,8% corresponde a persoal de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura, o 25,0 de Ciencias da Saúde, e o 24,2% restante se re4parte entre Artes e humanidades e Ciencias socias e xurídicas.

Nos encontros desenvólvense técnicas de preparación de propostas gañadoras dentro das convocatorias competitivas de proxectos de investigación, achegando as metodoloxías necesarias que permitan aos investigadores da USC o encaixe das súas actividades de investigación nas especificidades de cada unha das convocatorias e programas.

Asemade, tamén se inclúen entre os obxectivos a análise e coñecemento das particularidades da xestión financeira e coordinación dos proxectos de investigación nos programas nacionais do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e do programa H2020 da Unión Europea.

Os obradoiros enmárcanse no Programa de Formación e Innovación Docente (PFID) da USC, o que permitiu que moitos dos investigadores (como os contratados ao abeiro do capítulo VI) tiveran a súa primeira aproximación a este programa e, polo tanto, satisfacer unha das súas demandas dos últimos anos.

Esta actividade está sendo co financiada polo Programa ULTREIA 2020 da Xunta de Galicia por mor dunha mellora no posicionamento da USC nos Ranking ARWU, THE e QS.


Outras imaxes