Saltar ao contido principal
Xornal

Unha xornada analizará en Dereito os retos da empresa na economía dixital

Celebrarase o próximo 29 de novembro

Actualizada: 14-11-2018 14:37
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A xornada celebrarase na Facultade de Dereito. Foto: RQ

A dixitalización da empresa. Os retos  da empresa na economía dixital’ é o lema dunha xornada que analizará como afecta ao dereito do traballo a automatización e a dixitalización. Na Facultade de Dereito da USC o día 29 de novembro, o encontro permitirá tamén abordar o futuro do sector financeiro e bancario, en especial o fenómeno Fintech, así como os desafíos xurídicos que presenta a ciberseguridade, a publicidade, a protección de datos persoais e o Big data.

En conxunto, o equipo promotor do encontro agarda que o debate que xurda ao fío desta xornada permita profundar en como lograr que todas estas transformacións sexan compatibles co desenvolvemento sustentable. Esta actividade está organizada pola Red Empresa e Administración en colaboración do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) e o Centro de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do Inversor da USC (CERGI).

Como explican dende o comité organizador da xornada, a sociedade e a economía afrontan actualmente os retos da cuarta revolución industrial “cunha serie de cambios, procesos e tecnoloxías disruptivas que nos sitúan nun escenario que fusionará o físico, o dixital e o biolóxica”. No futuro albíscanse “novas realidades como as cidades intelixentes, o internet das cousas ou a realidade aumentada, tecnoloxías como a intelixencia artificial ou o Blockchain, a edición xenética ou a computación cuántica”. En conxunto forman parte dun “ecosistemas cun enorme impacto económico e xurídico que debe ser obxecto de estudo e debate permanente no seo da Universidade”.