Saltar ao contido principal
Xornal

O profesor Augusto Pérez Alberti recibe o recoñecemento de discípulos e compañeiros

Actualizada: 16-11-2018 12:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O profesor Augusto Pérez Alberti co volume homenaxe. Foto. Servimav-USC

Co gallo da xubilación do catedrático de Xeografía Física da USC Augusto Pérez Alberti, máis de cincuenta colegas, colaboradores/as, discípulos/as e amizades pertencentes a unha vintena de universidades e outros organismos reuníronse nas páxinas do volume Xeomorfoloxía e Paisaxes Xeográficas. Catro décadas de investigación e ensino. Homenaxe a Augusto Pérez Alberti.

A publicación presentouse este venres 16 no Paraninfo da Universidade no transcurso dun acto de recoñecemento ao profesor ofrecido por discípulos e compañeiros/as que o cualifican como “ figura de imprescindible referencia na moderna xeomorfoloxía e a análise da paisaxe xeográfica”. Na cerimonia participaron o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco R. Durán; o director do Departamento, Rubén C. Lois, e Marcos Valcarcel Díaz, en representación dos editores.

O libro recolle medio cento de achegas en relación ás principais disciplinas e liñas de investigación desenvolvidas polas que o profesor Pérez Alberti vén transitando: xeomorfoloxía, con atención especial á xeomorfoloxía costeira, glaciar e periglaciar; hidroloxía; estudo da paisaxe e ordenación territorial; paleoambiente ou aspectos didácticos das materias xeográficas.

“Viaxeiro infatigable, profundo admirador e analista da paisaxe, minucioso investigador, docente recoñecido e entusiasta”, o profesor Pérez Alberti foi ademais, como indicaron no acto, un dos factores “máis relevantes no estímulo e configuración” da nova titulación de Xeografía da USC. O volume, de alto valor científico e interese para investigadores, quere ser así unha mostra colectiva “de gratitude e recoñecemento a un labor de catro décadas de investigación e ensino”.


Outras imaxes


De esquerda a dereita, Rubén C. Lois, Augusto Pérez, Ernesto González, Román Rodríguez, Francisco Durán e Marcos Valcárcel. Foto: Servimav-USC