Saltar ao contido principal
Xornal

O programa Argos amplía ata o 5 de decembro a busca de integrantes para os seus equipos emprendedores

Actualizada: 16-11-2018 11:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O programa para a conformación de equipos emprendedores interdisciplinares Argos amplía ata o próximo 5 de decembro o prazo de inscrición para alumnado de posgrao, máster, doutoramento ou últimos anos de grao, titulados/as das últimas promocións e persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación dos campus de Santiago e Lugo.

Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderán ser a base do seu plan de empresa. O seu obxectivo é conformar equipos interdisciplinares aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente.

O programa comeza a última semana de novembro con entrevistas aos participantes, seguida da constitución dos equipos multidisciplinares con 4 ou 5 integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado. Haberá tamén  unha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo.

Premios
Ao remate do programa os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.

A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñible na web de Uninova ou na páxina do propio programa, que deberá remitirse por correo electrónico a argos@usc.es. As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 ou 982 822 854. Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.