Saltar ao contido principal
Xornal

O 50 aniversario dos estudos de Economía e Empresa en Galicia porá o broche o 28 de novembro

No transcurso dunha xornada repleta de actividades na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Actualizada: 16-11-2018 12:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A conmemoración dos 50 anos dos estudos universitarios de Economía e Empresa en Galicia encara a súa clausura cunha xornada repleta de actividades que se celebrará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC o mércores 28 de novembro. A xornada iniciarase cunha reunión do Comité Consultivo deste centro universitario.

O Salón de Graos acollerá, desde as 11.00 horas, a presentación do Catálogo de obras de arte da Facultade, coa participación do catedrático e ex decano do centro José Carlos de Miguel e de José Manuel García Iglesias, catedrático de Historia de Arte Moderna e Contemporánea. Xa a partir das 11.30 horas chegará a presentación do número extraordinario da Revista Galega de Economía, que recolle as participacións e conclusións do Congreso ‘50 anos de economía galega’, celebrado o mes de abril dentro do calendario de actividades do aniversario. Estarán presentes María del Carmen Guisán, directora da publicación, e o catedrático de Facenda Pública Luís Caramés.

A mesa redonda ‘Os 50 anos de Economía Galega na prensa’, desde as 12.10 horas, contará con Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; os profesores  Xaime Barreiro e José Antonio Varela; e Sofía Vázquez e Xavier Cea, xornalistas de La Voz de Galicia e El Correo Gallego, respectivamente.

Precisamente o tratamento da economía pola prensa é o eixo da exposición homónima que se inaugurará, na entrada da Facultade, a continuación. Recolle un total de 45 portadas e de páxinas destacadas dende 1968, ano de inicio dos estudos de Economía en Galicia e da inauguración da Facultade compostelá. A mostra serve como percorrido pola historia económica e do xornalismo e contou para a súa elaboración coa colaboración de La Región, El Progreso, Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Voz de Galicia. Esta exposición estará exposta no centro durante os próximos meses.

Coma peche da xornada e dos propios actos conmemorativos do 50 aniversario está prevista unha sesión de clausura, ás 13.30 horas, onde participarán Antonio Lopez, reitor da Universidade de Santiago; e María Emilia Vázquez Rozas, decana da Facultade. Rematará deste xeito un extenso calendario de actividades que contou, durante máis de 12 meses, con acontecementos coma o congreso ‘ 50 anos de economía galega’, a celebración da fase final da X Olimpíada Española de Economía, a reunión da Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa (CONFEDE), o Encontro de profesorado de Economía e Empresa de ensino medio e superior’, ou o ‘Encontro Universidade – Empresa  APD’, entre outras propostas.