Saltar ao contido principal
Xornal

Aberta a inscrición na II Carreira Popular Campus Terra Leyma que percorrerá o 2 de decembro a contorna universitaria de Lugo

O trazado da proba, que inclúe categorías escolares, é de 7.400 metros para adultos. O prazo de inscrición pecha o 28 de novembro na web da Federación Galega de Atletismo

Actualizada: 19-11-2018 10:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da proba deportiva

O Servizo de Deportes da USC celebrará o vindeiro 2 de decembro a II Carreira Popular Campus Terra Leyma , unha cita atlética de carácter internacional e aberta á participación de deportistas federados, non federados, ademais de a categorías escolares. O itinerario da proba sénior é de 7.400 metros de distancia  e dificultade media, un trazado que descorrerá pola contorna da sede universitaria luguesa tras cubrir un treito do parque urbano do río Miño. A inscrición está aberta ata o 28 de novembro na web da Federación Galega de Atletismo.

 

O circuíto da II Carreira Popular Campus Terra Leyma, cuxas probas de categorías inferiores partirán  ás 11.30 horas do estadio de Atletismo Gregorio Pérez Rivera de Lugo, onde tamén estará fixada a meta, será sobre asfalto e terra e estará pechado ao acceso de vehículos, agás os autorizados pola organización. A competición desta carreira, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está estruturada en oito categorías: Pitufos (nados en 2013 e adiante), promoción (2010-2012), escolares 1 (2006-2009), escolares 2 (2002-2005), sénior (2001 até os 34 anos), máster A (de 35 a 44 anos), máster B (de 45 a 54 anos ) e máster C (de 55 anos en adiante).

 

A inscrición na II Carreira Popular Campus Terra Leyma, que só poderá formalizarse a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo, custa 5 euros para adultos e  o prazo permanecerá aberta ata as 23.59 horas do 28 de novembro de 2018. Os dorsais poderán recollerse o día anterior á proba no edificio da Biblioteca Intercentros do campus de Lugo. As persoas procedentes de fóra do concello de Lugo poderán retirar os dorsais ata media hora antes do comezo da proba na zona habilitada pola organización nas instalación do Estadio Gregorio Pérez Rivera.

 

Todas as persoas que formalicen a súa inscrición nesta proba atlética recibirán como agasallo unha camiseta técnica. A organización establece premios para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da carreira absoluta. Haberá tamén trofeos para os tres primeiros corredores por categoría e sexo. Á marxe desta clasificación xenérica, a I Carreira Popular Campus Terra da USC constitúe tamén a quinta proba do campionato universitario galaico duriense, no que participan equipos das tres universidades galegas, así como das institucións académicas lusas de Porto, Tras Os Montes e Alto Douro e Universidade de Miño.

 

Dimensión solidaria

A II Carreira Popular Campus Terra da USC é unha cita deportiva de marcado selo universitario, pero tamén presenta unha clara orientación solidaria, como o proba o feito de que Federación Galega contra o Narcotráfico percibirá como doazón un euro de cada inscrición, ao tempo que se trata dunha iniciativa encamiñada a fomentar os hábitos saudables entre a comunidade universitaria, en particular, e no conxunto da sociedade en xeral.