Saltar ao contido principal
Xornal

A investigadora Cristina Lastres López, nova presidenta da Asociación de Jóvenes Lingüistas

Actualizada: 20-11-2018 08:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cristina Lastres

A investigadora predoutoral FPU no Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC Cristina Lastres López acaba de ser elixida presidenta da Asociación de Jóvenes Lingüistas (AJL) e nova directora da súa revista Estudios Interlingüísticos.

A AJL, de ámbito estatal e fundada en Barcelona en 1992, está composta por profesores axudantes, contratados predoutorais, doutorandos e outros investigadores que aínda non alcanzaron o grao de doutor. A súa finalidade é dar difusión e visibilidade á investigación realizada polos novos lingüistas españois e entre as súas distintas actividades figura a organización dun congreso anual no que divulgan os traballos de investigación en curso.

A AJL é responsable tamén da revista indexada Estudios Interlingüísticos (ISSN 2340-9274), de periodicidade anual e que publica, baixo o sistema de revisión anónima por un comité científico asesor, artigos de investigación, reseñas e semblanzas en calquera ámbito da lingüística.

Cristina Lastres
Cristina Lastres graduouse en Lingua e Literatura Inglesas en xullo de 2015 con Premio Extraordinario de Fin de Grao da Facultade de Filoloxía da USC e Premio Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia. Realizou  os seus estudos de máster (2015-2016) en University College London, coa cualificación de Matrícula de Honra (‘Distinction’). Na actualidade é investigadora predoutoral FPU e realiza a súa tese de doutoramento baixo a dirección de Teresa Fanego, catedrática emérita de Filoloxía Inglesa e directora do grupo de investigación Variación, cambio lingüístico e gramaticalización , un dos máis destacados nacional e internacionalmente dentro do ámbito da Lingüística Inglesa.

Lastres iniciou as súas actividades de colaboración coa Asociación de Jóvenes Lingüistas en 2016, e foi vocal da xunta directiva e secretaria de redacción de Estudios Interlingüísticos. No seu novo cargo como presidenta e directora da revista sucede á investigadora da Universitat de Valencia María Amparo Soler Bonafont.


Outras imaxes


A xunta directiva saínte da AJL. De esquerda a dereita, Víctor Pérez, Soledad Padilla, Amparo Soler, Cristina Lastres e Marta Gancedo.