Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo I+D Farma da USC presenta en Iberos avances contra as infeccións microbianas e dispositivos para liberar antibióticos

O grupo de Veterinaria Experimental da USC deu conta no foro celebrado en Vigo dos ensaios cun dispositivo capaz de rexenerar óso para a colocación de implantes dentais

Actualizada: 20-11-2018 14:12 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Investigadores da Rede Iberos que participaron na xornada científica celebrada en Vigo

Os grupos de investigación galegos e portugueses que integran o Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) deron conta este martes en Vigo dos seus avances nunha ducia de proxectos cun alto grao de colaboración transfronteiriza e en parte dos que a USC ten unha participación activa. A diagnose e reparación dos danos en ósos, cartílagos e dentes asociados ao envellecemento centran o traballo no marco do Iberos, como se probou na última xornada científica de Iberos.

 

O encontro non só serviu para que os investigadores compartisen coñecemento sobre a evolución das súas liñas de investigación, senón tamén para establecer pontes entre os científicos e a posible aplicación clínica dos resultados do seu traballo. Así, ante o feito de que as infeccións bacterianas representan unha das principais causas de rexeitamento de implantes óseos, así como das feridas crónicas, investigadores dos grupos I+D Farma da USC e do Instituto de Engenharia Biomédica de Porto deron conta da súa colaboración en novas estratexias para a prevención e eliminación destas infeccións. Un cometido para o que empregan materiais con propiedades antimicrobianas e rexeneradoras, un ámbito no que tamén investiga a Universidade Católica do Porto, neste caso a través de membranas de fibra de seda.

 

O grupo I+D Farma da USC aproveitou tamén este foro científico de Iberos para presentar e dar a coñecer novos sistemas de liberación de antibiótico, tamén baseados en polímeros de orixe mariña, para o tratamento e a prevención da osteomielite (inflamación do óso). Outra das afeccións habituais nos pacientes xeriátricos é a perda de pezas dentais por enfermidades periodontais, traumatismos ou tumores. O grupo de Veterinaria Experimental da USC ensaia un dispositivo capaz de rexenerar óso para a posterior colocación de implantes dentais. En relación coas enfermidades da pel, o grupo de Química Coloidal da Uvigo avanza en nanomateriais aplicables ao tratamento do melanoma.

 

Envellecemento saudable

O responsable do Servizo de Xeriatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), José Manuel Vega, expuxo ante os membros do Iberos unha completa visión sobre as estratexias que se están a aplicar desde o punto de vista médico para impulsar o envellecemento saudable. Vega sinalou a importancia da bioenxeñería como estratexia para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, dada a elevada incidencia neles de enfermidades coma a artrose, a doenza reumática con maior prevalencia no mundo.

 

Fronte ás doenzas derivadas da artrose, o Grupo de Novos Materiais da Uvigo presentou un proxecto en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC que propón a espectroscopia Raman como método de avaliación da calidade das biomoléculas aplicadas para mellorar o funcionamento de tecidos coma o cartílago, cuxo deterioro se asocia á artrose. Tamén desde a Uvigo, o grupo Teamnanotech presentou un hidroxel mimético ao cartílago a partir de materiais de orixe mariña, con nanoestruturas que teñen a capacidade de liberar factores de crecemento, promovendo así a rexeneración de tecido cartilaxinoso.

 

A través da colaboración entre o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e a Universidade Católica do Porto, estase a estudar o uso da kartoxenina, un composto recentemente descuberto, no deseño de sistemas de liberación controlada de substancias capaces de previr a progresión da artrose e a rexeneración do tecido danado.

 

Valorización dos recursos mariños

Da pel do tiburón azul sae o coláxeno que a Universidade do Minho mineraliza para o seu uso na impresión 3D de andamios en enxeñaría de tecido óseo. Tamén dos residuos e descartes das quenllas e doutras especies coma a raia obtén o IIM o sulfato de condroitina, un biomaterial con propiedades nutracéuticas e reparadoras que buscan optimizar. Esta é a mesma liña que segue a Universidade do Porto, que propón diferentes estratexias de modificación química de biomateriais de orixe mariña para incorporalos a estruturas tridimensionais bioactivas capaces de rexenerar tecidos.

 

No ámbito do diagnóstico, o Instituto Superior de Engenharia do Porto presentou hoxe un biosensor para a produción de dispositivos de baixo custo aplicables á detección de enfermidades relacionadas co envellecemento.

 

A rede Iberos, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que os seus máis de 150 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos.