Saltar ao contido principal
Xornal

Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer participan en París no foro literario ‘Pensar e escribir a urxencia dos séculos XX e XXI’

Os profesores na Facultade de Humanidades tratarán da memoria e da loita contra o fascismo en Galicia no simposio que comeza este xoves na Universidade París Este

Actualizada: 21-11-2018 12:12
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer

Os escritores e profesores da Facultade de Humanidades do campus de Lugo Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer intervirán esta semana en París no coloquio literario internacional ‘Pensar e escribir a urxencia nos séculos XX e XXI’, un programa organizado pola Universidade de París Este (UPEM) e que se desenvolverá este xoves e venres no auditorio da Biblioteca Georges Perec.

 

Este simposio hispanista permitirá afondar sobre a necesidade e a inmediatez do testemuñal ante os xenocidios e as violencias masivas dos últimos dous séculos. Carmen Blanco aproveitará a súa participación neste foro para tratar sobre a memoria de mulleres en loita contra o fascismo, da Galicia mártir á Galicia libre. Mentras, Claudio Rodríguez Fer afondará sobre a figura de Santiago Marcos, poeta teipe contra o fascismo, nunha intervención na que achegará información sobre o mestre republicano que viviu e escribiu vinte dous anos oculto nunha adega subterránea fuxindo da represión franquista.

 

Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, membros fundadores da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, coordinan os cadernos Unión Libre, moi comprometidos coa recuperación memorialista, como mostran os tres volumes dedicados ao tema: ‘Memoria antifascista de Galicia’, ‘Vermellas’ e ‘A voz das vítimas de 1936’. Tamén xuntos realizaron a exposición ‘Vermellas. Chamábanlles Rojas’ , sobre as mulleres represaliadas en Galicia e publicaron o libro ‘ Vivas en nós. Mulleres represaliadas polo franquismo na Coruña a raíz de 1936’.

 

Carmen Blanco dedicou ao tema memorialista a novela ‘ Atracción total’ e o ensaio ‘ Casas anarquistas de mulleres libertarias’, mentres que Claudio Rodríguez Fer consagroulle os tres poemarios ‘ Lugo blues’, ‘ A loita continúa’ e ‘ Ámote vermella’. Xuntos recibiron o Premio Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica galega.