Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e ABANCA organizan a I Feira de Innovación

Os días 27 e 28 de novembro na Cidade da Cultura, a USC mostrará a súa oferta formativa e as actividades de investigación e valorización

Actualizada: 21-11-2018 12:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De dereita a esquerda, Gumersindo Feijoo, Antonio López e Miguel Angel Escotet. Foto: Servimav-USC

A Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con ABANCA, achegará os días 27 e 28 de novembro a toda a cidadanía a súa oferta formativa, investigadora e de transferencia de coñecemento na primeira edición dunha feira na que ademais dará conta da súa aposta decidida por difundir a cultura emprendedora entre o estudantado universitario. A asistencia á I Feira de Innovación USC-ABANCA é gratuíta ata completar o aforo, previa inscrición tanto para o propio salón como para as actividades puntuais a través da páxina web.

Os pormenores da Feira e do III Campus ABANCA, que forma parte do programa do evento, explicáronos esta mañá en rolda de prensa o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o presidente de Afundación e director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA, Miguel Angel Escotet, e o vicerreitor de Planificación Estratéxica, Gumersindo Feijoo.

Nas dúas xornadas do evento, que xa ten pechado o aforo dalgunha actividade e ao que están confirmados preto de 1.200 estudantes de bacharelato de toda Galicia, poderase asistir a exhibicións das máis innovadoras tecnoloxías (impresión 3D, drons, robots, lentes 3D...), presentación de spin-offs e patentes xurdidas na Universidade compostelá, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias, entre outras moitas actividades.

Conferencias divulgativas
Ao longo da Feira desenvolverase o ciclo de conferencias divulgativas ‘Amosar e transferir o coñecemento’, no que participarán os docentes e investigadores da USC Ángel Carracedo, Jorge Mira, María Cadaval, Francisco Dubert, Paz García, Sebastián Villasante, José Alonso, Marilar Aleixandre, Santiago Galdo e Ramón Díaz. As temáticas a tratar nestes relatorios van dende a xenética ou os fusos horarios aos fármacos e drons, pasando polos océanos, a investigación xurídica ou as linguas en contacto.

Haberá tamén unha mesa de debate titulada ‘Impulsando a I+Nutrición’, promovida co apoio de Carrefour, que contará con representantes de empresas como Feiraco, Frinsa ou Aceites Abril.

Campus ABANCA
A Feira inclúe ademais a III edición do Campus ABANCA, cun programa de obradoiros, relatorios con especialistas de máximo nivel e a presentación dos proxectos finalistas do concurso dirixido a estudantes cunha idea ou proxecto de negocio baseado nas profesións do futuro: emprendedor, fundador de startup, ecommerce, profesional do marketing, community manager, deportista de elite, músico profesional ou actividades relacionadas coa música e as artes, coa innovación social e a sustentabilidade, a investigación e a industria 4.0.

Para o día 27 está previsto o Campus LAB, con catro obradoiros dirixidos aos creadores das 20 mellores ideas seleccionadas e dos que sairán os 3 finalistas que o día seguinte presentarán no Campus Battle os seus proxectos a quen asista ao congreso Campus ABANCA.

A I Feira de Innovación USC-ABANCA conta ademais coa colaboración da Xunta de Galicia, a Cidade da Cultura, Carrefour, Coca-Cola e Biscuits Galicia.