Contribuír a establecer un modelo e unha proposta de política lingüística para a USC que guíe a
súa política lingüística con carácter estratéxico nos vindeiros dez anos é o cometido da
xornada de reflexión ‘As linguas na
USC’ que terá lugar o vindeiro luns 26. O encontro desenvolverase na Sala de Debates do CIEDUS
(antigo Centro de Estudos Avanzados) e por videoconferencia dende a Facultade de Humanidades de
Lugo.
Na xornada, nesta ocasión centrada na política lingüística da USC para a docencia,
reflexionarase sobre o estatus e as funcións das linguas na Universidade cunha óptica política de
servizo á sociedade galega e de integración no EEES, que alicerce a actualización do modelo
lingüístico da institución. Para máis adiante están previstos outros encontros similares que
trate esta cuestión dende a óptica dos servizos e do alumnado, entre outros.
O programa dará comezo cunha intervención do reitor Antonio López acerca do marco normativo
das linguas na Universidade galega e en concreto na USC. Continuarase a xornada analizando as
políticas lingüísticas doutras universidades de ámbito estatal así como as linguas na docencia da
USC e a competencia lingüística do alumnado. As actitudes lingüísticas e en especial a do PDI serán
as cuestións a tratar na sesión da tarde, que rematará cun panel de conclusións.
A estas xornadas estás convocadas todas as persoas responsables da USC así como
representantes de PDI, alumnado e PAS nos diferentes órganos de goberno.