Saltar ao contido principal
Xornal

Clausúrase a segunda edición do Programa Camiños de coñecemento da USC no que participaron máis de 250 maiores

Actualizada: 21-11-2018 13:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O IV Ciclo da USC, dirixido a alumnado maior de 50 anos, comezou no curso 2016-2017 de forma pioneira o programa ‘Camiños de coñecemento’ para achegar a Universidade ás comarcas próximas a Santiago e Lugo. A segunda edición desta iniciativa clausúrase este xoves 22 ás 18.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

O acto presidirao a vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, e nel intervirán a conselleira de Política Social, Fabiola García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e a alumna do Concello de Outes Manuela Campos Agrafojo. Ademais, José A. Rodríguez Añón ofrecerá unha lección maxistral.

Ao remate, todas as persoas participantes trasladaranse ao Auditorio de Galicia para asistir ás 20.30 horas a un concerto da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Erik Nielsen, cun repertorio con obras de Haydn, Debussy e Copland.

Alumnado de dez concellos
Este ano participaron no programa 263 estudantes dos concellos de Ribeira, A Estrada, Muros, Outes, Teo, O Pino, Pobra do Caramiñal, Arzúa, Rianxo e Ordes, que asistiron a sesións teóricas e prácticas de historia, música, medio ambiente e educación familiar.

Con esta iniciativa preténdese que a Universidade sexa “un pulmón de osíxeno do coñecemento tamén na contorna rural galega”, explica a directora do IV  Ciclo, Esther Olveira. “Reforzamos así o compromiso social e formativo da USC co alumnado de máis de 50 anos á vez que favorecemos que esa formación chegue a toda a sociedade, en especial ao colectivo de maiores”, engade.

Rede galega
No presente curso as universidades de A Coruña e Vigo puxeron en funcionamento un programa similar baseado no da USC, o que deu pé á creación da Rede Galega de Programas Universitarios de Maiores (REGAPUM) co obxectivo de “favorecer a democratización do coñecemento; potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos das Comarcas colaboradoras no proxecto”