Saltar ao contido principal
Xornal

Regueifas de ciencia debate o próximo xoves sobre a legalización da eutanasia

Actualizada: 22-11-2018 12:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Debe ser legalizada a eutanasia? A pregunta define o próximo debate que abordará o ciclo de Regueifas de ciencia, que se desenvolverá o xoves 29 a partir das 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Nesta ocasión, no debate defenderán a legalización da eutanasia a catedrática emérita de Filosofía Moral e Política da Universidade de Barcelona, Margarita Boladeras Cucurella, e Isabel Blanco Domínguez, directiva de Derecho a Morir Dignamente. En contra intervirán Francisco Javier Barón Duarte, da Unidade de Hospitalización do Servizo de Oncoloxía Medica do Hospital Universitario da Coruña, e Jacinto Bátiz Cantera, doutor en Medicina e Cirurxía e médico de familia.

Directo ou streaming
Regueifas de Ciencia é unha serie de debates en formato Oxford arredor de temas científicos controvertidos que se celebra por terceiro ano consecutivo.  Ao longo das dúas edicións anteriores tratáronse cuestións como a experimentación animal, a modificación xenética, a industria alimentaria, seguridade e privacidade dixital, ciencia e fe...

Os debates de Regueifas de Ciencia poden ser seguidos en directo dende a sala (entrada libre ata completar aforo), por streaming (a través de http://tv.usc.es/directo2.html) ou visualizados despois a través da canle de YouTube. “Tratamos de facilitar que calquera persoa interesada poida ver os debates. Mesmo poden preguntar aos relatores dende a casa e ser respondidos”, comentan dende o equipo organizador.

Regueifas de Ciencia, formada por profesores, investigadores e profesionais da comunicación científica, está promovida pola Universidade de Santiago de Compostela e financiada pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), pertencente ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Conta tamén coa colaboración de Leonor Parcero&Co.

Nesta edición de 2018, Regueifas de Ciencia amplíase coa convocatoria de Regueifiñas, un certame de debate dirixido a centros de ensino secundario, bacharelato e ciclos medios de formación profesional.