Saltar ao contido principal
Xornal

Javier Montenegro liderará desde o CiQUS da USC un novo proxecto internacional con Xapón, Alemaña e Lituania

Os laboratorios do centro albergarán un ambicioso proxecto financiado con preto de medio millón de euros polas axencias de catro países, que promete revolucionar o campo dos nanomateriais porosos con control nanométrico

Actualizada: 22-11-2018 14:04 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A idea do proxecto ‘SUPRAPOROUS’ xurdiu tras unha estancia do investigador posdoutoral Julián Bergueiro (dereita), como ‘Juan de la Cierva’ no grupo do Dr. Montenegro. Foto: Andrés Ruiz

De poder verse, os materiais porosos de tamaño nanométrico serían algo semellante a unha peneira ou unha rede atrapa-bolboretas, aínda que cunha característica moi particular: a singularidade dos espazos baleiros, diminutos e regulares entre os átomos que constitúen a rede tridimensional do cristal poroso. Estas redes de átomos e ocos minúsculos dan lugar a arquitecturas moleculares con aplicacións de grande utilidade, como o atrapado selectivo, a transformación, a separación e a purificación dos compostos que atravesan a rede porosa. Moitos destes materiais xa se utilizan como catalizadores en diferentes procesos industriais, así como en sistemas de potabilización de augas ou na síntese de materiais de purificación de moléculas de interese. Ata hoxe, estes materiais porosos baséanse maioritariamente en redes de aluminio e silicio, ou ben en núcleos metálicos unidos entre si mediante moléculas orgánicas.

Neste contexto xorde ‘Supraporous’ , un novo proxecto de investigación transnacional liderado polo investigador do CiQUS da USC Javier Montenegro, que propón como alternativa ás estratexias convencionais a construción de materiais porosos baseados en nanopartículas unidas entre si mediante polímeros supramoleculares. O obxectivo é crear novos materiais híbridos, que permitan cubrir o baleiro existente entre os materiais porosos máis pequenos (cuxo tamaño de poro presenta problemas para traballar con moléculas intermedias) e os de maiores dimensións.

Para logralo, os investigadores empregarán o método máis relevante que existe na actualidade, a polimerización viva (living polymerization), unha técnica destinada a controlar a lonxitude dos polímeros para crear o armazón poroso que descansará entre os núcleos das nanopartículas metálicas.

A determinación a vontade do tamaño dos poros é a principal vantaxe da rede construída mediante polimerización viva: un mecanismo de control exercido como resultado da combinación de distintos tamaños de partículas nanométricas con polímeros de diferente lonxitude. Por outra banda, a arquitectura desta nova malla permitirá sumar ás propiedades biocompatibles dos polímeros supramoleculares –como solubilidade en auga, quiralidade, ou mesmo propiedades terapéuticas- as interesantes características que posúen as nanopartículas. A natureza biocompatible dos novos materiais propostos no proxecto permitirá a súa aplicación en distintos ámbitos, como a enxeñería de tecidos ou a entrega controlada de fármacos.

Un proxecto, catro países

O proxecto Supraporous xorde tras unha estancia posdoutoral do doutor Julián Bergueiro na Universidade de Tokio, baixo a supervisión do prestixioso Profesor Takuzo Aida. «A estancia de Julián e o seu pulo inicial foron o principal motor dunha arriscada colaboración entre os nosos grupos», comenta Javier Montenegro. Para o investigador ERC Starting Grant, que liderará o proxecto desde o CiQUS, «a nosa idea era establecer unha nova aproximación revolucionaria cara a novos materiais híbridos e porosos, integrando os polímeros supramoleculares xerados por ambos os grupos ata entón».

Tras unha fase de discusión preliminar, o equipo de proxecto completouse coas incorporacións dun dos líderes mundiais no campo da nanobiotecnoloxía, o afamado Profesor Wolfgang Parak (Universidade de Hamburgo, Alemaña) e o Dr. Edvinas Orentas (Universidade de Vilnius, Lituania), experto en mecanismos de polimerización e consultor da compañía Ferentis.

«Todos os integrantes do grupo final aceptaron con entusiasmo embarcarse neste proxecto», afirma Julián Bergueiro. «Os catro grupos elaboramos unha proposta conxunta, na que se recolleron as mellores ideas para afrontar con garantías o noso obxectivo», apunta o investigador posdoutoral. Un obxectivo ambicioso, que promete revolucionar o campo dos materiais porosos con control nanométrico.

Alta competitividade

Só cinco proxectos foron seleccionados na 5ª Convocatoria de proxectos do Programa EIG CONCERT , unha iniciativa internacional conxunta para apoiar, coordinar e mellorar a cooperación en ciencia, tecnoloxía e innovación (CTI) entre a Unión Europea e Xapón. En total foron avaliadas 43 propostas, máis do dobre que na última edición. Os impulsores do EIG CONCERT destacan que o significativo aumento é unha demostración do dinamismo do programa, así como da relevancia desta convocatoria entre os investigadores europeos e xaponeses.