Saltar ao contido principal
Xornal

Investigadoras das universidades de Santiago, Cambridge e Canadá reconstrúen a dieta das clases populares no Al-Andalus medieval

Actualizada: 22-11-2018 14:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo de Olalla López-Costas

Co obxectivo de entender os cambios sociais e culturais que introduciu o Islam no sur da Península a través do que comían diariamente os seus poboadores, as investigadoras Olalla López-Costas, do grupo Ciencia do Sistema Terra da Universidade de Santiago de Compostela (ES2-USC), Sarah Inskip, da Universidade de Cambridge, e Andrea Waters-Rist e Gina Carroll das Universidades canadense de Calgary e Western Ontario, acaban de publicar un artigo no que reconstrúen a dieta do Al-Andalus. A partir do estudo de esqueletos humanos e animais da necrópole de Écija en Sevilla as investigadoras puideron determinar como sería a alimentación desta poboación neste período. Concretamente os restos están datados entre os séculos IX e XIII e corresponderíanse a persoas de clases populares.

Entre as conclusións do artigo destaca que "en época Medieval, non existe un tipo de dieta diferenciada entre a sociedade cristiá ou a islámica, salvo determinados produtos concretos. A alimentación nesta época parece moito máis conectada cos recursos locais que coa relixión", asegura a investigadora  Olalla López-Costas, unha das principais especialistas en paleodieta. Precisamente as súas investigacións permitiron que Galicia sexa un dos territorios que máis avanzou no estudo da dieta básica dos nosos antepasados a través da análise de isótopos estables de diversas partes do óso e dente. Esta técnica foi usada en varios estudos en Galicia pero en "Andalucía queda moito por facer", explican as investigadoras.

Este traballo confirma por primeira vez o consumo de cana de azucre en Al-Andalus, en base ao estudo dos esqueletos, produto traído á Península como parte da expansión árabe. Nestes primeiros anos a cana de azucre cultivábase de forma familiar e era consumida dentro deste ámbito, polo menos entre os nenos/as, lonxe da exportación masiva de anos posteriores. A cana de azucre, un alto consumo de vexetais e pequenas cantidades de leite e carne, fundamentalmente bovino e caprino aínda que non debe descartarse o porco, compoñían a dieta dos habitantes de Astiya, tal e como se coñecía a Écija naqueles momentos. Como explican as investigadoras, tratábase dunha pequena poboación que se caracterizaba neste período pola súa multiculturalidade, xa que convivían musulmáns, mozárabes e xudeus baixo un importante sinal islámico que condicionaba a súa economía, cultura e sociedade. O estudo recolle, ademais, que adultos e cativos/as alimentábanse dos mesmos produtos, sen diferenciación por sexo ou idade.

Con todo, ao contrario que as poboacións coetáneas do norte peninsular, o estudo recolle que non consumían pescado habitualmente, como tampouco paínzo, que si aparece nos grupos estudados no norte da Península. O que si está presente nos restos óseos analizados son signos que denotan a alta aridez e salinidade a beiras do río  Genil e en Écija mesmo, con presenza de lagos salgados na contorna.

Colaboración internacional
O artigo elaborado na súa totalidade por investigadoras, forma parte dun número especial da revista Archaeological and Anthropological Sciences centrado na alimentación da Península Ibérica ao longo do tempo e nace dunha colaboración internacional de varios grupos que traballaron sobre a necrópole medieval de Écija grazas ao apoio do Museo Municipal de Écija.


Ligazóns relacionados: