Saltar ao contido principal
Xornal

23 universidades de todo o mundo reúnense en Santiago para optimizar a xestión dos programas de mobilidade

Actualizada: 23-11-2018 09:37
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Servizo de Relacións Exteriores da Universidade de Santiago de Compostela desenvolverá a vindeira semana a terceira edición da Staff Week, un encontro no que participarán membros da comunidade universitaria dunha decena de países, entre os que se atopan India, Líbano, Xordania, Palestina ou Xeorxia.

A actividade, de cinco días de duración e enmarcada no Programa Erasmus + KA 107, ten como obxectivo primordial fomentar o traballo en rede entre as 23 universidades participantes e poñer en común metodoloxías de traballo que optimicen a xestión e difusión dos programas de mobilidade nos que participan todos os membros do consorcio.

A axenda consta de actividades diversas como presentacións e talleres sobre a xestión dos programas de mobilidade, unha visita ao Campus de Lugo así como actividades de tipo cultural para coñecer o patrimonio da universidade compostelá.

Na xornada inaugural, que terá lugar o próximo luns 26 de novembro as 10:30 horas no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, intervirán o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez, e o xefe do Servizo de Relacións Exteriores da USC, Enrique López Veloso.