Saltar ao contido principal
Xornal

O programa Explorer ‘Jóvenes con ideas’ para emprendedores novos da USC mantén aberta a inscrición ata o 12 de decembro

Actualizada: 23-11-2018 10:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do programa Explorer 'Jóvenes con ideas'

Emprendedores entre 18 e 31 anos xa se poden inscribir, a través de Santander X e ata o 12 de decembro de 2018 no programa Explorer ‘Jóvenes con Ideas’, unha iniciativa que impulsa o talento da mocidade e a xeración de proxectos innovadores nun entorno dixital, aberto e colaborativo. O programa, promovido polo Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinado polo CISE, brindará formación e mentoring de forma gratuíta a mozas e mozos que queiran desenvolver as súas ideas de negocio.

 

Os seleccionados poderán beneficiarse do acceso aos Explorer Space da USC (con sedes nos campus de Santiago e Lugo), dous centros de coworking de alto rendemento onde desenvolverán as súas ideas de forma colaborativa, conectarán con outros emprendedores e recibirán asesoramento personalizado e formación  impartida por unha rede de mais de 200 expertos en innovación e modelos de negocio.

 

Para esta nova convocatoria, o programa incorpora máis contidos dixitais, fortalecendo a formación cas últimas metodoloxías e reforzando a conexión entre mozos de diferentes Spaces.

 

Comunidade, impulso e financiación

Ao finalizar os cinco meses de formación e ideación, os promotores do proxecto mellor valorado de cada Explorer Space viaxarán a Silicon Valley xunto a outros 56 emprendedores de diferentes centros. Na súa aventura americana a mocidade emprendedora recibirá clases maxistrais en empresas tecnolóxicas, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros, respectivamente, para acelerar o seu desenvolvemento.

 

Gracias á colaboración ca Fundación EY, Explorer conta tamén co premio Woman Explorer Award, que ofrece 20.000 euros para financiar o mellor proxecto liderado por unha emprendedora e o premio de innovación Disruptive Technology Explorer Award –impulsado por INDRA-, que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ó proxecto de negocio más innovador.

 

Entidades locais

Os Explorer Space da Universidade de Santiago de Compostela están localizados en Santiago de Compostela e Lugo e contan co apoio da Xunta de Galicia, en concreto da Secretaría Xeral de Emprego, Consellería de Economía e Industria. O USC Santiago de Compostela Space atópase no Edificio Emprendia, núcleo da Transferencia de Coñecemento, Innovación e Emprendemento do Campus Vida, proporcionado aos participantes un espazo coworking e ferramentas para a incubación e a formación, tanto presencial como virtual, asemade para o traballo colaborativo.

 

O USC Lugo Space ten a súa sede na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE), dentro do Campus Terra, que xa conta cun espazo coworking a disposición dos emprendedores. A Facultade de Administración e Dirección de Empresas eríxese así como un espazo universitario para a creación de valor económico-social, sendo o emprendemento un dos eixos chave para chegar a tal fin. Ademais, os proxectos premiados neste centro contarán coa dispoñibilidade dun espazo de incubación para o seu proxecto na Fundación CEL, que colaboran activamente na difusión e desenvolvemento do programa entre o seu texido empresarial.

 

As actividades destes Explorer Space intégranse no programa da USC que se xestiona dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE). Todos os interesados en desenvolver a súa idea de negocio e optar ós premios, deberán presentar a súa candidatura a través dun formulario dispoñible en www.santanderx.com.