Saltar ao contido principal
Xornal

O futuro profesorado sae á rúa de novo con performances sobre os roles de xénero

Actualizada: 23-11-2018 12:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Un ano máis, o alumnado das materias do profesor da Facultade de Ciencias da Educación Jorge Marín abordará na rúa a sexualidade e o xénero, procurando a crítica e a comunicación co espectador.

Será a través de 21 performances, a desenvolver por distintos lugares da cidade o luns 26 e o martes 27, coas que o alumnado tentará provocar un impacto visual nos transeúntes e buscar xerar así cambios para conseguir unha sociedade libre e igualitaria. Partindo desta premisa, a postura do estudantado será feminista “para crear conciencia das moitas opresións e dominacións que sofre a sociedade”, explica o profesor Marín, coordinador da acción.

As actuacións comezarán o 26 ás 11.00 horas na Rúa da Ensinanza nun percorrido que continuará en intervalos aproximados de 15 a 30 minutos pola Praza de Cervantes, a Quintana, Praterías, a Rúa Nova, a Alameda, a Praza Roxa, a rúa Rosalía de Castro e de novo Praza Roxa. Xa pola tarde, haberá unha performance ás 18.30 horas na Avenida Xoán XXIII e media hora despois na Praza da Quintana.

O día 27 comezarase ás 10.45 na Praza do Obradoiro para continuar pola Quintana e Cervantes, Praterías, o Obradoiro e a Alameda. A performance da tarde será ás 17.30 horas na Praza Roxa.