Saltar ao contido principal
Xornal

O Grupo Valle-Inclán presenta en Madrid a edición das obras completas do autor

Actualizada: 03-12-2018 08:37
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O grupo de investigación Valle-Inclán da USC presentou o martes 27 na Casa de América de Madrid a edición das Obras Completas do autor arousán, coordinadas pola profesora e directora da Cátedra Valle-Inclán da USC, Margarita Santos Zas.

Nestas obras completas publícanse as primeiras edicións (editio prínceps) autorizadas por Valle-Inclán, o que significa que é a primeira vez que se editan os tres poemarios soltos ou as catro Sonatas nas edicións de 1902, 1903, 1904 e 1905, e así con todas as obras do autor, con tres únicas excepcións. Tamén é unha novidade a inclusión da extensa e singular novela de folletín La Cara de Dios [1900].

Na presentación interviñeron, ademais da coordinadora, o profesor da USC e membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán, Javier Serrano Alonso; o director da RAE, profesor da USC e director académico da Biblioteca Castro, responsable da edición, Darío Villanueva, e o presidente da Fundación José Antonio de Castro, Juan Manuel Urgoiti.

Dos cinco volumes de que consta esta edición, tres destínanse á prosa de creación de Valle-Inclán, narrativa de ficción (relato curto e novela) e ao ensaio, o que fai un total de 23 títulos orixinais; e os dous restantes á produción teatral (22 títulos máis) e poética (tres títulos), sempre seguindo a orde cronolóxica de publicación.

Cinco volumes
O primeiro volume da obra agrupa a narrativa breve do autor: Femeninas (1895) , Epitalamio (1897), Corte de amor (1903/1922) e Jardín umbrío/Jardían novelesco (1903/1920), e La Cara de Dios (1900). O segundo contén as catro Sonatas (1902-1905) Flor de santidad (1904) , a triloxía da guerra carlista (Los Cruzados de la Causa, El Resplandor de la Hoguera e Gerifaltes de Antaño, 1908-1909 ), Una Tertulia de Antaño (1909), La Media Noche (1917) e Tirano Banderas (1926) .

O volume III e último de prosa narrativa dedícase case integramente ao ciclo incompleto de El Ruedo Ibérico. Os restantes textos que se relacionan directamente cos «Amenes del reinado isabelino» son Fi n de un Revolucionario (1928), Un bastardo de Narizotas (1929) e El Trueno Dorado (1936). Pero ademais dos textos de El Ruedo Ibérico, este terceiro tomo péchase coa prosa ensaística do escritor, incorporando La Lámpara Maravillosa. Ejercicios espirituales (1916).

Os últimos dous tomos tratan o teatro e a poesía valleinclanianas. O IV reúne as pezas que abarcan os quince primeiros anos da súa labor dramatúrxica (1899-1914), que se pecha coa chamada «crise teatral». Anos de silencio teatral que explosiona a partir de 1919 cunha serie de obras que marcan a súa etapa máis revolucionaria, inaugurando a creación do esperpento.

As obras que integran o quinto volume, que responden a un período de liberdade e madurez creativas, foron as menos estreadas debido a, entre outras razóns, o enfrontamento que Valle mantivo coas principais empresas teatrais, e que significou a súa exclusión dos circuítos comerciais durante a década dos anos 20. Neste tomo agrúpanse, por exemplo, Divinas Palabras (1920); as tres farsas que reuniu en Tablado de marionetas para educación de Príncipes; o primeiro esperpento, Luces de Bohemia (1924); os melodramas La Rosa de Papel (1924) e La Cabeza del Bautista (1924); Ligazón (1926), Sacrilegio (1927), Los cuernos de don Friolera (1925), El terno/Las galas del difunto (1926) e La hija del capitán (1927). A esta relación súmase a poesía, que Valle reuniu tardiamente, reestruturando os seus tres poemarios Aromas de Leyenda (1907), La Pipa de Kif (1919) e El Pasajero (1920) en Claves Líricas (1930).

A coordinadora da edición
Margarita Santos Zas doutorouse con Premio Extraordinario na Universidade de Santiago de Compostela, na que é profesora de Literatura Española. Desde 1994 dirixiu numerosos proxectos de investigación I+D+i co Grupo Valle-Inclán (GIVIUS). É directora da Cátedra Valle-Inclán da USC e co editora da revista Anales de la Literatura Española Contemporánea.

Entre outras obras, é autora de Tradicionalismo y literatura en Valle-Inclán (1889-1910); Cronología de la literatura española. Siglo XX (con Darío Villanueva) ou Con el alba: El Cuaderno de Francia. Manuscrito inédito de Valle-Inclán (2016).

Na actualidade ultima co seu grupo de investigación a posta en aberto do Arquivo Dixital Valle-Inclán, unha base de datos relacional que contén o fondo bibliográfico e documental valleinclaniano anterior a 1936, recompilado ao longo de 20 anos.