Saltar ao contido principal
Xornal

Vinte e cinco universidades de Oriente Medio, Norte de África e Asia reúnense na USC para optimizar conxuntamente os programas de mobilidade

Actualizada: 26-11-2018 12:45
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Servizo de Relacións Exteriores (SRE) da Universidade de Santiago de Compostela desenvolve esta semana a terceira edición da Staff Week, un encontro no que participan membros da comunidade universitaria dunha decena de países de Oriente Medio, Norte de África e Asia.

Esta actividade enmarcada no Programa Erasmus + KA 107 ten como obxectivo primordial fomentar o traballo en rede entre as universidades participantes, un total de 25, e  poñer en común metodoloxías de traballo que revertan nunha optimización da xestión e difusión dos programas de mobilidade  nos que participan todos os membros do consorcio.

Na xornada inaugural desde luns no Colexio de Fonseca o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez, contextualizou a importancia da internacionalización na USC, as liñas estratéxicas de actuación para os vindeiros anos e a dimensión que adquiriu os Servizo que dirixe no transcurso das dúas últimas décadas, tanto en número de programas de mobilidade, persoal encargado da súa xestión como ampliación da áreas xeográficas dos convenios. Nesta liña, o xefe do SRE da USC, López Veloso, destacou que a universidade compostelá ocupa a terceira posición en Europa na coordinación de proxectos e segue a traballar na mellora continua dos procesos para optimizar a calidade dos mesmos e atraer e captar talento.

Durante os vindeiros días os participantes farán unha valoración conxunta dos programas Erasmus + KA 107 e debaterán sobre as directrices para a presentación da próxima candidatura de solicitude no 2019. Así mesmo, participarán nun obradoiro sobre a aplicación de xestión desenvolvida integramente pola USC, baseada na experiencia de plataformas previas empregadas na xestión de programas de mobilidade, que persegue o obxectivo de optimizar súa xestión así como simplificar, axilizar e dotar de transparencia e carácter resolutivo aos trámites do proceso. A axenda de actividades inclúe tamén unha visita programada para o mércores ao Campus de Lugo.

A clausura desta actividade terá lugar o venres e contará coa participación de Enrique López Veloso e da xefa de Sección de Mobilidade, Cooperación e Acordos Bilaterais, Anne Forryan.