Saltar ao contido principal
Xornal

O congreso ‘Violencia de xénero Vs violencia contra as mulleres’ comeza este martes en Dereito

Actualizada: 26-11-2018 14:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Un congreso internacional aborda este martes 27 e o mércores 28 na Facultade de Dereito o tema ‘ Violencia de xénero Vs violencia contra as mulleres’ baixo a coordinación da profesora Raquel Castillejo. O acto inaugural ás 9.30 horas dará paso á lección inaugural que pronunciará Miguel Lorente Acosta, médico forense e profesor de Medicina Legal da Universidade de Granada, realizando unha panorámica xeral do fenómeno da violencia de xénero.

Da man de profesionais e persoal investigador, o programa desta primeira sesión continuará abordando cuestións como o exercicio da prostitución, a xestación por substitución ou os aspectos criminolóxicos e vitimolóxicos da trata de persoas con fins de explotación sexual. Na primeira xornada tamén haberá espazo para presentar unha serie de reflexións arredor da delincuencia sexual, con especial atención á cultura da violación ou os movementos #metoo e 8M. O feminicidio ou a relación entre o sistema de xustiza penal e violencia de xénero serán outras cuestións a abordar xunto co relatorio do catedrático de Psicoloxía Gonzalo Serrano e da catedrática de Dereito Procesual Raquel Castillejo Manzanares sobre ‘Xénero, trauma e vitimización secundaria: denuncia, dispensa do deber de declarar’.

Na derradeira xornada, o día 28, o relatorio ‘Cómpre ‘introducir’ o xénero no sistema de xustiza penal?’ abrirá ás 10.00 horas o programa do día no que tamén se falará sobre o estatuto da vítima ou se comparará os procesos penais en España e Portugal en relación coa proba nos casos de violencia contra as mulleres. Violencia de xénero e novas tecnoloxías, con especial atención ao acoso e ás súas implicacións educativas, e soberbia e ideoloxía na titpificación da violencia contra a muller no Terceiro Mundo, son as cuestións que completan o abano de temas presentes no congreso.

A presidenta do Observatorio contra a violencia de doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, María Ángeles Carmona Vergara, pronunciará a lección de clausura do encontro titulada ‘Situación actual da muller vítima de violencia de xénero: medo e vergoña a denunciar?’. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web do encontro.


Outras imaxes