Saltar ao contido principal
Xornal

Inauguración da I Feira de Innovación USC-ABANCA

Actualizada: 26-11-2018 13:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con ABANCA, abre este martes 27 as portas da súa primeira Feira de Innovación, na que mostrará todo o seu potencial formativo, investigador e de transferencia de coñecemento e que inclúe ademais o III Campus ABANCA.

A inauguración terá lugar ás 9.30 horas no Edificio CINC da Cidade da Cultura coas intervencións do reitor Antonio López, o director xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o presidente de Afundación e director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA, Miguel Angel Escotet.

Nas dúas xornadas do evento, que xa ten pechado o aforo dalgunhas actividades e ao que están confirmados preto de 1.200 estudantes de bacharelato de toda Galicia, poderase asistir a exhibicións das máis innovadoras tecnoloxías, presentación de spin-offs e patentes xurdidas na Universidade compostelá, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias, entre outras moitas actividades.

Nun espazo de 500 metros cadrados a Feira contempla durante dúas xornadas actividades  interactivas desenvolvidas por persoal investigador de centros da USC como demostracións de impresión 3D, robots e software de modelado de moléculas. Conectarase tamén a través de internet con egresados e egresadas da USC en empresas e institucións como o CERN, a Real Academia Galega ou a Academia Española.

Na Feira estarán ademais presentes diversos Servizos como a Oficina de Información Universitaria, que resolverá todas as dubidas dos asistentes sobre oferta de graos, mestrados e doutoramentos, o Servizo de Publicacións ou Unitenda, con interesantes descontos.

Conferencias divulgativas
Ao longo da Feira desenvolverase o ciclo de conferencias divulgativas ‘Amosar e transferir o coñecemento’, no que participarán os docentes e investigadores da USC Ángel Carracedo, Jorge Mira, María Cadaval, Francisco Dubert, Paz García, Sebastián Villasante, José Alonso, Marilar Aleixandre, Santiago Galdo e Ramón Díaz. As temáticas a tratar nestes relatorios van dende a xenética ou os fusos horarios aos fármacos e drons, pasando polos océanos, a investigación xurídica ou as linguas en contacto.

Haberá tamén unha mesa de debate titulada ‘Impulsando a I+Nutrición’, promovida co apoio de Carrefour, que contará con representantes de empresas como Feiraco, Frinsa ou Aceites Abril.

Campus ABANCA
A Feira inclúe ademais a III edición do Campus ABANCA, cun programa de obradoiros, relatorios con especialistas de máximo nivel e a presentación dos proxectos finalistas do concurso dirixido a estudantes cunha idea ou proxecto de negocio baseado nas profesións do futuro: emprendedor, fundador de startup, ecommerce, profesional do marketing, community manager, deportista de elite, músico profesional ou actividades relacionadas coa música e as artes, coa innovación social e a sustentabilidade, a investigación e a industria 4.0.

Para o día 27 está previsto o Campus LAB, con catro obradoiros dirixidos aos creadores das 20 mellores ideas seleccionadas e dos que sairán os 3 finalistas que o día seguinte presentarán no Campus Battle os seus proxectos a quen asista ao congreso Campus ABANCA.

A I Feira de Innovación USC-ABANCA conta ademais coa colaboración da Xunta de Galicia, a Cidade da Cultura, Carrefour, Coca-Cola e Biscuits Galicia.